martes, 5 de maio de 2015

Sharon Tandy e as flores de lis




Sharon Tandy – o seu nome real era Sharon Finkelstein, pero Tandy soaba obviamente máis comercial – mudouse desde a súa Sudáfrica natal a Gran Bretaña en 1964 en busca do éxito pop. Ali gravou varios singles na segunda metade dos sesenta que revelaban que Tandy non era unha cantante beat ao uso, ao xeito de Marianne Faithfull, Lulu, ou Dusty Springfield. O seu estilo soe ser incluído niso que na época se chamaba blue eyed soul. Soul “a la maniera” negra, interpretado por brancos, vamos. O manager de Tandy, Frank Fenter, era o xefe de Atlantic no Reino Unido, así que grazas a esta conexión, Tandy chegou a gravar algún single nos estudos de Stax en Memphis.


Pero ademais, Sharon Tandy formou parte dunha particular sociedade que a separou definitivamente doutras cantantes femininas da época. Resulta que Fenter representaba tamén aos feroces Les Fleur de Lys, unha brillante banda de Southampton considerada parte diso que agora se chama Freakbeat. Isto é, o son de certas bandas – sobre todo británicas – no momento en que mutaban do r&b cara á psicodelia. En realidade, o Freakbeat non é senón unha foto fixa – tomada a posteriori - da parte máis crúa do pop británico correspondente ao período 1965 a 1968.





Sharon Tandy e Les Fleur de Lys non só gravaron xuntos, senón que estes tamén funcionaron como a súa banda de acompañamento en directo. O resultado máis lembrado desta sociedade é o single publicado por Atlantic en 1967 Hold on/Daughter of the Sun.


Pero finalmente Tandy nunca chegou a conseguir o éxito comercial que buscaba, así que para finais dos sesenta decidiu voltar a sudáfrica, onde continuou a súa carreira con éxitos locais.



E todo isto a conto de que Sharon Tandy Morreu en marzo deste ano. E como homenaxe, unha actuación en directo no seminal programa alemán de televisión Beat Club, no que, por certo, por algún motivo, a banda non aparece en plano.



Ningún comentario:

Publicar un comentario