luns, 12 de xaneiro de 2015

O Hard bop




Moanin', un dos cumios do hard bop


Cando o aficionado á música non particularmente interesado no xénero pensa no termo “jazz”, o máis probable que, tanto a estética como o son que lle veñan á cabeza sexan os correspondentes ao hard bop. Até tal ponto o hard bop converteuse a partir de 1954 no novo mainstream do jazz que para unha gran número de persoas, hard bop e jazz son hoxe sinónimos.

Como estilo, o hard bop non foi senón unha depuración da linguaxe do be bop, dos seus excesos pirotécnicos, colocando en primeiro plano o ritmo e a expresividade da interpretación. Da súa man volveron á primeira liña do jazz os estilos tradicionais afroamericanos como o blues ou o gospel.
Non é doado atopar unha orixe exacta do hard bop. Hai quen atribúe o nacemento do xénero a unha sesión de 1949 para Blue Note liderada por Bud Powell, con Fats Navarro e un xovencísimo Sonny Rollins. Pero probablemente o suceso da etiqueta e do son haxa que buscalo nos primeiros Jazz Messengers, orixinalmente co-liderados por Art Blakey e Horace Silver. E se pensamos nos nomes máis famosos do jazz moderno, practicamente todos poderían ser considerados sen problemas como hard boppers, cando menos en algún momento da súa carreira: Miles Davis, Sonny Rollins, Charles Mingus, John Coltrane, Lee Morgan, Benny Golson, Jackie McLean, ... poderíamos seguir ad infinitum. Todos eles se formaron como músicos de primeiro nivel e acadaron a fama practicando ese xénero.


Horace Silver, un dos inventores do xénero


Pero, o que son as cousas, a pesar do prestixio de todos estes intérpretes, o hard bop como escola pronto comezou a ser visto con certos prexuízos por parte de algúns críticos. Para uns tratábase dun estilo conservador, carente dos riscos, da excitación, do vértigo do be bop. Para outros volveuse repetitivo, derivativo. A gran paradoxa do hard bop estaba no feito de se tratar do herdeiro “conservador” dunha revolución – o be bop dos anos cuarentaque á súa vez se converteu no mainstream frente ao cal naceu outra revolución, a da new thing ou free jazz. Un xénero emparedado entre dúas revolucións estéticas, e polo tanto carente da imaxe rupturista de ningunha delas.

Hai tamén que entender o contexto destas críticas. É verdade que unha certa sensación de agotamento, de repetición, afectaba ao jazz a finais dos cincuenta. Nese momento semellaba que nada novo podía dicirse xa usando a linguaxe do bop, máis alá de admirar o nivel intrepretativo que o estilo exixía dos seus practicantes. Nese sentido, as críticas podían estar xustificadas, e por iso a chegada do free jazz foi tan necesaria. Pero sen embargo, a era hard bop non estivo exenta de virtudes. Entre o enorme número de músicos tocando música similar e posiblemente pouco innovadora, o xénero permitiu aflorar dentro das súas fronteiras estilísticas un importante número de voces orixinais, como Trane, Mingus ou Miles Davis, que ao seu modo loitaban por expandir a linguaxe do bop xogando coas estructuras dos temas ou experimentando co jazz modal. Pero ademáis, o grande mérito do hard bop reside en ter sido o último movemento “puramente jazz” que realmente gozou de popularidade entre o seu público natural, o público urbano afroamericano. Neste sentido, o hard bop trunfou onde o free jazz fracasou.


Lee Morgan, paradigma da era Hard Bop.
O gran éxito do hard bop residiu precisamente en tomar a linguaxe bop e facer con ela música de vocación popular. O hard bop tivo a gran virtude de recoller as aspiracións artísticas da revolución bop e trasladalas ao público do ghetto. Integrou con éxito a tradición afroamericana do blues e o gospel, o son santificado asociado ao sur e ao medio oeste - a ese mundo rural xeralmente rexeitado polos boppers dos cuarenta- co street credit da cultura hip, até o ponto de transformar estes xéneros en elementos de orgullo racial. Non é de extrañar que sexa precisamente durante os anos cincuenta cando dúas palabras que co tempo ficarían asociadas aos xéneros musicais afroamericanos comezaron a usarse para definir conceptos musicais: soul e funk.

É difícil pensar no uso destes termos desde a visión musical e mesmo social do be bop. O be bop pretendía mirar cara adiante, romper cos estigmas asociados ao negro, criar unha nova música negra sofisticada e complexa. O blues rural implicaba para eles demasiadas cousas negativas: a segregación, as leis Jim Crow, o uncle tom sureño aceptando estoico a súa inferioridade. Isto desde logo na teoría, pois en realidade, en músicos como Charlie Parker, Thelonious Monk ou tantos outros, o blues está sempre presente, se ben moitas veces de forma oblicua, ás veces irónica, sempre cun certo distanciamento hip, pero así tamén se entende por que Bird permaneceu sempre como modelo para todos os saxofonistas hard bop – ou de calquera estilo, en realidade - e tamén por qué a música de Monk, ninguneada nos cuarenta, foi acollida a mediados dos cincuenta como unha revelación. O hard bop en cambio, utilizou a tradición, o estilo down home, mesmo os tópicos sobre a cultura afroamericana, como sinal de diferenciación, de orgullo. Como dixo algún crítico cuxo nome non lembro, de súpeto todos os discos de jazz parecían incluir temas con títulos referentes á igrexa negra – Moanin', Prayer Meetin', A Baptist Beat, ... -, ou á comida – Home Cookin', Chitlins con Carne, Cornbread, ... Isto é obviamente unha exaxeración, pero non é anecdótico o feito de que, xa fose de xeito máis ou menos serio, por moda ou por motivos comerciais, elementos característicos da cultura tradicional sureña negra, desde as formas de culto ou a comida até a mesma pronunciación – esas terminacións en in' non son casuais – até entón máis ou menos embarazosos para moitos negros urbanos, pasasen a se converter nun rasgo de indentidade que reivindicar.


Desde os anos do jazz tradicional de Nova Orleáns, ningún estilo, nen sequera movementos tan militantes como be bop ou o free jazz, estivo tan absolutamente dominado polos intérpretes afroamericanos. Virtualmente todos os nomes “grandes” do hard bop son negros. E o público do hard bop – e isto non volvería a repetirse na historia do jazz – foi basicamente negro.