venres, 20 de febreiro de 2015

Charlie Poole


I'm gonna live in the highways 'till I die
The life I aim on living's very high
Oh, sticks and stones gonna break-a my bones
Talk about me when I'm dead and gone
But I'm gonna live in the highways 'till I die”






Charlie Poole ocupa un lugar central entre os pais da música rural branca estadounidense como xénero comercialmente viable. O seu nome codéase cos da Carter Family, Jimmy Rodgers, Uncle Dave Macon ou Gid Tanner entre outros como os criadores diso que cos anos acabaría chamándose Country Music.
Charlie Poole pasou á historia como líder da string band The North Carolina Ramblers, coa que tocaba o banjo e cantaba. En realidade, parece que Charlie, nacido en 1892 nunha familia pobre do condado de Randolph, na Carolina do Norte rural, compaxinaba desde pequeno a súa afición pola música coa do baseball. Precisamente foi practicando o “pasatempo nacional” que unha lesión na man dereita non só acabou coas súas aspiracións deportivas, senón que – como no caso de Django Reinhardt - condicionou a súa forma de tocar o banjo, obrigándoo a desenvolver un estilo de punteo con tres dedos que acabaría influíndo a moitos dos seus sucesores. Este estilo de tocar o banjo, sumado á súa característica voz dotaron aos North Carolina Ramblers dun son distintivo, inmediatamente recoñecible, para o público da nacente hillbilly music- algo determinante para poder destacar entre as innumerables string bands do período -, e permitiulles acadar unha enorme popularidade.
As fontes de Charlie Poole: unha mistura de blues, baladas sentimentais, parlor songs do século XIX, drinking songs, algo de influencia irlandesa que lle viña por familia paterna, e tamén unha boa dose de coon songs, particular xénero orixinado no seo dese fenómeno de masas que desde metade do século XIX, e até entrado o século XX, dominou a cultura popular estadounidense: o Minstrel Show.
O Minstrel Show é, evidentemente, algo incómodo do que falar hoxe en día. Dunha banda, representa o máis insoportable do racismo da súa época. Doutra, a través destes espectáculos de variedades unha ampla maioría do público branco estadounidense tivo acceso de primeira man á música, a cultura e o humor afroamericanos.


Os North Carolina Ramblers


A influencia do Minstrel Show na cultura mainstream americana e sobre todo na música popular é inimaxinable. Porque aínda que en principio o Minstrel Show naceu como espectáculo de variedades que misturaba música, baile e números humorísticos con personaxes e situación recorrentes, cuxo tema fundamental era a representación paródica dos estereotipos afroamericanos, representados por actores e cantantes brancos pintados de negro – a tristemente célebre blackface routine-, co percurso do tempo máis e máis artistas negros se incorporaron ás compañías que xiraban por todo o país. E con eles, o que ao principio era imitación máis ou menos burda de cancións e bailes transformouse en algo máis complexo, entre outra cousas porque a parodia deixou de ser unidireccional. O Minstrel Show converteuse nun dos poucos ámbitos sociais onde os negros podían, á súa vez ridiculizar os usos e costumes dos brancos. Un exemplo: o Minstrel Show popularizou o cakewalk, un baile de plantación en apariencia ridículo que facía as delicias do público branco. Probablemente non sospeitaban que o cakewalk en realidade facía á súa vez burla dos bailes brancos de sociedade.
E aínda así, desde a perspectiva actual o fenómeno do minstrel resulta case inexplicable: negros pintados de negro (!) interpretando a súa música e as súas rutinas cómicas, autoparodiándose e á vez parodiando ao seu público, as súas espectativas e os seus estereotipos. Se cadra un caso de retorcida postmodernidade avant la letre.
 
E é importante, finalmente, non caer na trampa de atribuir a etiqueta de “tradicional” á musica de artistas como Charlie Poole. Esta palabra é moi perigosa. Gostamos de representarnos a este tipo de artistas como portadores de tradicións ancestrais, de imaxinarias esencias dun pasado remoto, normalmente idealizado: nada máis lonxe da realidade. O repertorio de Charlie Poole era puro pop da súa época, probablemente nada do que interpretaba tiña máis dunhas poucas décadas.

Charlie Poole foi ademais un dos primeiros representantes -no que ao negocio da música popular se refire – dese arquetipo de artista de vida ao límite e morte antes de tempo. A lexendaria capacidade de inxesta de alcohol do noso protagonista levouno á morte con menos de cuarenta anos, en 1931. Parece que cando morreu estaba celebrando un contrato para ir a Hollywood a tocar nunha película.