xoves, 30 de xaneiro de 2014

O misterio de Tyrone Washington







Sempre é fascinante o misterio que rodea aos músicos que, tras deixar unhas cantas gravacións, desaparecen sen deixar rastro. Ven á cabeza o caso do cantante e guitarrista Blind Blake, quen entre 1926 e 1932 gravou varias ducias de Blues e Rags para o selo Paramount – hoxe considerados paradigma do estilo Piedmont – para logo simplemente esfumarse da historia.

Pero a fin contas, estamos falando dos anos 20, cando os músicos entraban no estudio, gravaban canto podían, cobraban e marchaban. Unha época na un mesmo artista podía gravar baixo distintos pseudónimos para distintos selos, sen que ninguén se preocupase en comprobar a súa identidade.

Máis estraña resulta unha “desaparición” dese estilo nos anos 70. Ese é o caso do saxo tenor Tyrone Washington. É obvio que a influencia de Washington na historia da música non é nin remotamente semellante á de Blind Blake, pero non deixa de ser curioso que un músico tan interesante decidise borrarse do mapa deixando a penas unhas poucas gravacións.

Non é difícil trazar a carreira musical, polo menos a rexistrada en disco, de Tyrone Washington. Debutou con Blue Note xunto a Horace Silver no álbum Jody Grind, de 1966. Tamén para Blue Note, participou na sesión de Contrasts, de Larry Young (1967) e editou o seu propio debut como líder, Natural Essence, tamén de 1967. Xa fóra de Blue Note, colaborou no 69 con Stanley Conwell. Horace Silver parece non ter boas palabras para el na súa autobiografía. Aínda que lle recoñece o seu talento, considérao un deses “angry avantgarde musicians of the late sixties”.

Nos anos 70 Washington gravou un par de sesións como sideman e dous discos máis como líder: Roots, do 73, para a independente Perception e Do Right, de 1974. En total, que se saiba, Tyrone Washington participou na gravación de oito discos entre 1966 e 1976.


Despois nada. Silencio. E por suposto, terreo para a especulación. Unha posible solución ao misterio aparece en Amazon, na sección de comentarios ao seu álbum Natural Essence. Alguén que afirma ser o seu irmán di que Tyrone Washington, que agora se chamaría Bialar Mohammed, deixou o negocio musical por motivos relixiosos. Obviamente, non hai ningunha proba que confirme esta versión. Wikipedia, citando ao crítico Jason Sositko, refírese tamén aos motivos relixiosos como causa da retirada de Washington. Pero a fonte deste parece ser, de novo, o famoso comentario en Amazon. Se cadra algún día alguén atopa a Tyrone Washington e o entrevista. Así saímos de dúbidas.




xoves, 23 de xaneiro de 2014

The Mighty Hannibal






The Mighty Hannibal non chegou a acadar o recoñecemento de grande do Soul, pero a súa breve discografía ofrece todo tipo de sorpresas agradables. O seu maior éxito logrouno en 1966, cunha canción sobre a volta dos soldados de Vietnam, titulado Hymn No. 5, pero este éxito non tivo continuidade. The Mighty Hannibal non volveu a visitar as listas de Billboard até 1973, e en esta ocasión fíxoo co que probablemente sexa o seu mellor tema, titulado The Truth Shall Make You Free. Funk intenso ao servizo dunha mensaxe de redención mediante a fe en Xesús. Un dos mellores exemplos que se me ocorren do frutífero uso do Funk como veículo para a mensaxe fervorosa do Gospel. Nunca mellor dito, a marriage made in heaven.







En 2001, o selo Norton publicou un álbum recopilatorio titulado Hannibalism. Recomendable para... calquera.

The Mighty Hannibal, aínda que cego debido a un glaucoma, segue en activo e mesmo colaborando con bandas de Rock como os Black Lips.

venres, 17 de xaneiro de 2014

O camiño ao Rock and Roll






Preston Lauterbach, en The Chitlin' Circuit and the Road to Rock and Roll (Norton, 2011) apunta unha sorprendente – e non demasiado politicamente correcta – teoría: non só os plans de renovación urbanística dos anos sesenta, senón tamén o movemento polos dereitos civís e a integración racial, así como a loita contra a corrupción política, sumaron esforzos para terminar coa florecente vida urbana dos Downtowns negros da primeira metade do século XX.

A obra de Lauterbach transpórtanos a un mundo que xa non existe. Un mundo no que nun bo número de cidades americanas podían atoparse zonas enteiras, xeralmente articuladas en torno a unha rúa principal, ou Stroll, onde a poboación afroamericana vivía con relativa – se ben precaria - autonomía respecto a poboación branca. Estes Black Downtowns, tamén coñecidos como Bronzevilles eran, de facto, rexidos por poderosos “homes de negocios” negros cuxas fortunas estaban cimentadas, entre outros comercios ilegais, no inmensamente lucrativo negocio dos numbers, a lotería ilegal omnipresente alí onde vivise un número significativo de afroamericanos.

O Stroll constituía un mundo político e económico semi-autónomo, ”paralegal”. O magnates negros que o dominaban mantiñan en torno a si redes clientelares baseadas en favores persoais e apoio económico a igrexas e organizacións ao servizo do ascenso social dos negros. Isto garantíalles non só poder político, senón tamén a consideración de Race Men, beneficiadores da raza negra. A orixe máis ou menos escura dos seus cartos pouco importaba nun mundo no que a fronteira entre negocios lexítimos e o crime organizado resultaba borrosa, por non dicir inexistente. Por suposto, a autonomía coa que funcionaba o Stroll obtíñase a cambio de subornos a policía e autoridades brancas, que a cambio facían a vista gorda cos negocios suxos de Bronzeville. En moitas cidades chegaron a a celebrarse eleccións para escoller Majors of Bronzeville. Sen ningún poder oficial pero con moito real, estes “alcaldes” exercían sen complexos de interlocutores coas autoridades oficiais, que non dubidaban en asistir ás súas “tomas de posesión”. Demasiado poder político e económico detrás deles como para ignoralos.




Convén, de todos modos, non romantizar o Black Downtown. Violencia, pobreza, vivendas insalubres constituían o pan de cada día para os habitantes de sectores nos que, sen aparente contradición, agromaban os negocios rexentados por negros e dirixidos a negros: barberías, bares, cines, salas de xogos ou restaurantes ofrecían aos seus clientes lugares onde gastar os cartos procedentes do aumento do emprego afroamericano resultante da expansión industrial xerada pola segunda guerra mundial. Outro dos negocios estrela eran os salóns de beleza, nos que as mulleres atopaban unha excelente alternativa laboral fronte a servir de empregadas de fogar en casas de familias brancas. E no centro da vida urbana do Stroll erixíanse eses auténticos templos do entretemento que eran os nightclubs – lugares de operacións dos “reis de Bronzeville”. Ao calor dos petos cheos e as ansias de diversión florecía por suposto a música.

Estamos en anos de transición. O mundo do swing e as big bands comezaba a resultar obsoleto. A depresión terminara con moitas big bands, e incluso para as que lograran sobrevivir, as xiras eran demasiado caras. Era moito máis fácil gañar cartos con bandas pequenas que viaxasen barato. Saxos e guitarras eléctricas podían substituír ás enormes seccións de ventos por prezos moito máis alcanzables. Espelidos homes de negocios como Denver D. Ferguson en Indianapolis, Clint Bradley en Macon (Georgia) ou Don Robey en Houston embarcáronse na criación dunha rede de clubes ao longo de cidades medianas e pequenas, sobre todo no medio oeste e o sul, dotadas dunha florecente vida nocturna. Ao longo desta rede, os artistas xiraban sen descanso, ofrecendo actuacións de só unha noite, moitas veces acompañados de bandas locais. Este circuíto foi coñecido desde o principio como Chitlin' Circuit, e acabaría por se converter na canteira de toda unha nova xeración de estrelas negras. Ao calor do Chitlin' Circuit desenvolveríanse ademais as primeiras emisoras de radio destinadas en exclusiva ao público negro, así como selos discográficos propiedade dos mesmos promotores e donos das salas que publicaban os discos das novas estrelas. Estes discos, máis que para o mercado doméstico, estaban destinados ás jukeboxes, medio ideal para promocionar as xiras dos artistas que eles mesmos representaban. Clubes, DJ's, selos discográficos, ... todos compartían intereses, todos gañaban co Chitlin' Circuit.

Unha gran revolución, pois, ten lugar na música afroamericana durante os primeiros cuarenta, e é a substitución da big band polo combo pequeno. O gran protagonista, o líder da revolución será Louis Jordan. Hoxe é difícil darse conta da importancia de Louis Jordan, porque moitas das súas innovacións simplemente as damos por supostas. O son sofisticado e elegante que dominaba a música negra desde os anos trinta da paso ao son downhome de Jordan e os seus seguidores: Joe Liggins, Johnny Moore, Jack McVea, Ivory Joe Hunter, ... foron as primeiras estrelas do Chitlin' Circuit. A industria precisaba un novo nome comercial para este son, co obxecto de substituír ao caduco race music e á vez distinguilo dun jazz cada vez máis minoritario. En 1949, Jerry Wexler, entón editor de Billboard, inventa o termo Rythm and Blues, para referirse ao son das novas estrelas negras. Rythm and Blues nunca pretendeu definir un estilo, senón simplemente nomear a musica popular ou comercial que no momento consumía o público negro. Aquí basea Lauterbach outra das teses máis interesantes da súa obra. O Rock and Roll non foi criado por rockers brancos sureños a mediados dos cincuenta. Baixo o paraugas da etiqueta Rythm and Blues, o R'N'R naceu nos anos cuarenta, da man de Louis Jordan e demais artistas negros. É difícil, por non dicir imposible, manter o contrario segundo criterios estritamente musicais.

O Chitlin' Circuit chegou con boa saúde aos anos cincuenta, e contemplou no camiño o ascenso de artistas como Roy Brown, Wynonie Harris, T-Bone Walker, Big Mama Thornton, B.B. King, Big Maybelle, Little Richard, Johnny Ace, Ray Charles, James Brown,... todos eles e moitos máis comezaron as súas carreiras xirando en concertos dunha noite por salas de cidades pequenas e medianas do sur de estados unidos, saltando dun Black Downtown a outro, forxándose como artistas de directo. Ningún deles tería chegado a nada sen a axuda dunha infraestrutura de clubes, promotores, disc-jockeys e selos discográficos construída á sombra da lotería ilegal, a extorsión, a corrupción política, o suborno e, en fin, a ambición persoal duns cantos “homes de negocios” visionarios.

Por motivos obvios, o inimigo tradicional de Bronzeville foran, desde sempre, os movementos rexeneradores que loitaban contra a corrupción e o clientelismo político, e que polo tanto ameazaban as bases mesmas sobre as que descansaban as súas estruturas de poder. Pero a partir dos anos 60, foron os plans federais de renovación urbanística os que finiquitaron de feito os Downtowns negros e os seus negocios. Estes plans implicaban derrubes masivos de edificios históricos, substituídos por high rises, solares, autopistas,.... A destrución de Beale Street, en Memphis, é paradigmática. 

A integración racial supuxo, finalmente – como se avanzaba no primeiro parágrafo – o involuntario golpe de gracia. En realidade, o mundo segregado anterior aos 60 convertía aos afroamericanos en clientela cativa dos negocios “para negros”, sen importar a súa clase social, preferencias ou poder adquisitivo. O Stroll podía considerarse un espazo de liberdade, pero tamén desde logo unha prisión para os seus habitantes. A medida que a integración abría novos horizontes, o mundo do vello Black Downtown convertíase a ollos da xeración dos dereitos civís nun vestixio do vello racismo, e a súa sorte non debía ser distinta que a da segregación.