xoves, 17 de setembro de 2015

Teenage Riot









Empecemos polo principio. O Garage, como estilo musical definido, non existía na súa época. Esta pode resultar unha afirmación extraña, pero en realidade é así. E non é un caso único. O mesmo ocorre co Freakbeat, ou o Northern Soul, ou o Popcorn. Son estilos “inventados” - isto é, definidos e delimitados- a posteriori. Isto quere dicir que as bandas de adolescentes americanos que comunalmente criaron ese estilo, hoxe tan recoñecible, non consideraban que estivesen tocando nada distinto do que tocaban os seus ídolos: Rolling Stones, Kinks, Animals, Yardbirds, Byrds ou Beatles. Simplemente tocaban un pouco máis duro, un pouco máis suxo, con pior son e en piores estudos, sen as ventaxas nen os inconvintes de tocar para selos grandes. Por non estar suxeitas á presión de formar parte dun negocio suculento enteiramente dependente do próximo éxito, carecían das expectativas comerciais e artísticas que podían en ocasións lastrar, e en outras dar ás criativas, ás bandas grandes. E ausente estaban tamén, obviamente, a ambición musical, o talento, a competitividade criativa que representaron o mellor do pop dos sesenta, que fixeron avanzar a música, para ben ou para mal, alén do adictivo primitivismo que constitúe a principal característica do Garage.


O Garage é un estilo criado desde o máis puro amateurismo por rapaces brancos de clase media, como imitación das primeiras bandas británicas chegadas a Estados Unidos en 1964. Estudantes de instituto sen aspiracións de facer carreira profisional na música pop. Adolescentes que constituían a primeira xeración nacida tras a segunda guerra mundial, en pleno despegue da sociedade de consumo, criados coa televisión, para os que os terribles anos da gran depresión pertencían xa só aos libros de historia. Un produto xenuíno da próspera américa suburbana de mediados dos sesenta. A actuación dos Beatles no show de Ed Sullivan en febreiro de 1964 pode considerarse o inicio da febre garaxeira – se ben habería que facer algunha excepción con certas escenas rexionais, como a do noroeste, que en realidade antecede á british invasion.


¿


O hábitat natural destas bandas constituíano os garaxes de casas unifamiliares – de aí o nome do xénero – dos bairros residenciais que agromaban por toda a xeografía americana, onde as bandas nacían e ensaiaban, as actuacións en bailes de instituto, festas de fraternidades e, de vez en cando, actuacións en locais da zona. A universidade,o matrimonio, a incorporación ao mundo laboral, mesmo en ocasións o reclutamento para Vietnam, acabarían poñendo fin ás súas breves aventuras no mundo do Rock and Roll. Tras de si deixarían un, como moito dous singles, e unha pequena pero fiel parroquia de seguidores que non ía máis alá dos seus compañeiros de instituto e pouco máis. Mini-celebridades locais cuxo ámbito de actuación non pasaba das trinta millas á redonda, e completamente descoñecidas moitas veces no condado viciño, non digamos xa fóra do estado.


A pesar das evidentes similitudes coa explosión Rockabilly da década anterior, a febre do Garage presentaba elementos claramente diferenciadores. Para empezar, o Rockabilly, aínda que se acabou extendendo por todo Estados Unidos, era un estilo asociado sen lugar a dúbidas cos estados do sul histórico. Non existiu en cambio unha asociación do Garage cunha rexión particular de EE.UU. O Garage espallouse en boa medida– algo que ambos estilos teñen en común- pola influencia da televisión, en este caso pola aparición nos shows televisivos de Beatles, Kinks, Rolling Stones e demais. Pero de aquí surxe outra diferencia entre ambos estilos. O Garage, a diferencia do Rock and Roll non surxiu tanto como evolución “natural” da música popular americana senón máis ben como imitación da particular leitura desta tradición feita polas bandas británicas. Finalmente, o Rockabilly naceu e en certo modo nunca rompeu os seus vencellos – mesmo esteticamente - coa clase rural branca sureña, mentres o Garage naceu primordialmente entre rapaces da clase media.





Unha minoría de bandas si desenvolveu unha carreira musical - case sempre breve no tempo e moi irregular en calidade - e mesmo lograron certos éxitos rexionais de ventas antes de desaparecer: Standells, Music Machine, Seeds, Blues Magoos, Shadows of Knight, Chocolate Watchband,... bandas en xeral moi pouco coñecidas para o público xeral, pero que en realidade constituíron unha sorte de “primeira división” do xénero. Pero verdadeiramente, cando falamos destas bandas, estamos entrando no terreo dos músicos profesionais. Se ben musicalmente non se diferencian gran cousa das outras, é difícil consideralas xenuínas bandas de Garage, no sentido literal do termo.


En calquera caso, se estas foron a “élite”, imaxinemos entón a relevancia – ou mellor, a absoluta irrelevancia – do resto, as auténticas bandas amateurs, as depositarias das esencias do xénero, as verdadeiras garage bands: The Alarm Clocks, Unrelated Segments, The Wyld, Jesters of Newport, The Illusions, Henchmen, Amberjacks, Paradox, Parangons,... poderíamos seguir todo o día dando nomes descoñecidos e en realidade daría igual, porque o bo do garage e que as bandas non importan. Na maioría dos casos, a penas é posible distinguir unha de outras. O único que importan son as cancións, as pequenas xoias que cada unha delas deixou para a posteridade, e o entusiasta abandono co que fóron gravadas.




E cando naceu o Garage como xénero? En realidade en 1972, seis anos despois do seu momento de esplendor, do seu heyday. A orixe da apreciación por estas bandas sitúase na publicación para o selo Elektra, de Nuggets: Original Artyfacts from the First Psychedelic Era, compilación de Lenny Kaye e Jack Holtzman. Esta foi a orixinal, adicada en boa medida a rescatar do esquecimento a esa “primeira división” da que falábamos antes. Pero en realidade, Nuggets só abriu a veda. Nuggets non é nen moito menos o mellor nen o máis representativo, senón simplemente o primeiro exemplo dun novo xénero discográfico: o das compilacións de Garage. O mellor, en realidade, estaba por vir. Pebbles, Back From The Grave, Hipsville, Teenage Shutdown, Garage Punk Unknowns, e tanta outras coleccións a partir de entón, adicaríanse a desenterrar o lado máis ignoto, a cara b do Rock and Roll estadounidense dos sesenta.


O Garage como xénero da testemuño dunha escena relativamente subterránea na que grazas a deus aínda non existían esas figuras que cos anos acabarían converténdose en insoportables, as “estrelas de rock”. En certo modo, o Garage representa a última expresión pura do Rock and Roll como música adolescente: primitivo, rabudo, instrumentalmente torpe e carente da máis mínima intención artística: puro entusiamo e pura diversión. O período 1965-1967, os anos dourados do Garage, marcan en certo modo o final da era do Rock and Roll, iniciada alá por 1954. Pois mentres estas bandas conservaron con inconsciencia as esencias máis recalcitrantes e maravillosamente reaccionarias do rock and roll, a realeza do pop dos sesenta, esas bandas grandes que todos coñecemos e admiramos estaban, en realidade, finiquitando o Rock and Roll. O resultado sería xa algo distinto. Estaban inventando a cultura Rock. E deixándose o Roll” polo camiño.

Como mostra, un tema carácterístico do xénero, un hit que nunca foi, Stormy, dos hoxe esquecidos e en realidade nunca famosos Jesters of Newport, compilado na, para min, mellor colección adicada ao Garage, a serie de Crypt Records, Back From The Grave, concretamente no vol. 3. Por certo, este tema foi versioneado nos noventa polos Gories.