venres, 15 de maio de 2015



Os anos escuros de Jerry Lee






Salvation bears down on me. I don’t wanna die and go to hell. But I don’t think I’m heading in the right direction…I’m lost and undone, without God or son. I should’ve been a Christian, but I was too weak for the gospel. I’m a rock ‘n’ roll cat. We all have to answer to God on Judgment Day.” (Jerry Lee Lewis)


En 1964 Jerry Lee Lewis era iso que se chama unha “vella gloria”. En inglés soa aínda máis terrible: un has been. Seis anos separábano do seu último éxito. Só tiña vinteoito anos.


A historia é ben coñecida. Na primavera de 1958, Jerry Lee Lewis – que contaba entón a penas vintedous anos - atopábase no cumio da súa popularidade. Na súa chegada a Gran Bretaña para unha serie de concertos chamou a atención do xornalista do Daily Mail Paul Tanfield a presenza entre o séquito do cantante dunha adolescente chamada Myra Gale. Ante as preguntas do xornalista, Myra recoñeceu que era a muller de Jerry Lee, e que tiña só quince anos. A prensa local reaccionou ante este feito con escándalo, que se converteu en pura indignación ao se revelar nos días seguintes que Myra – para máis inri, filla dun primo carnal de Lewis - realmente non tiña quince, senon só trece anos. En realidade, o de Myra era xa o terceiro (!) matrimonio de Lewis, que casara por primeira vez aos catorce e por segunda vez aos dezasete. Vese que certas particularidades do deep south non eran especialmente ben aceptadas na Gran Bretaña de finais dos cincuenta. As poucas actuacións realizadas sobre chan británico fóron un desastre, Lewis foi abucheado alá onde chegou a actuar, a xustiza da súa maxestade amosouse disposta a actuar – o tema mesmo chegou á cámara dos comúns - e a xira foi finalmente cancelada. Todo ante a estupefacción de Jerry Lee e Myra Gale, que xenuinamente non entendían a que viña todo aquel follón. A volta a Estados Unidos non foi mellor. Moitos disc jockeys negáronse a partir de entón a radiar os seus discos, foi vetado nas televisións e, como consecuencia, as súas venta comezaron a se desplomar. O fulgurante estrelato acadado en 1957 esvaeceuse. Elvis quedábase sen sucesor.


Mr. e Mrs. Lewis



Sam Phillips, en cambio, nunca perdeu a fe nas evidentes cualidades artísticas de Jerry Lee Lewis. Sun Records seguiu publicando tercamente os seus discos ata 1963, pero o éxito nunca volveu. Probablemente, para principios dos sesenta o affaire Myra Gale non era xa a causa da falta de éxitos. O son dos “vellos” - isto enténdase con toda a ironía posible – intérpretes de rock and roll fóra sustituído nas listas por estilos novos. Son os anos do reinado de Motown, da febre do twist e da subsecuente infinidade de bailes que apareceron a raíz do seu xigantesco éxito, da explosión do surf e das bandas de r'n'r instrumental,... Estamos nunha época na que os cambios na música popular ocurrían a velocidades de vértigo.


Curiosamente foi no teatro da súa caída, en Gran Bretaña, onde Jerry Lee Lewis mantivo ao longo de estes anos unha parroquia máis fiel, unha base de fans irreductible que se mantivo leal ao rock and roll, a mesma que daría lugar en 1963 á explosión do beat e do r&b, as bases do pop británico dos sesenta. Así que para mediados dos sesenta entraba dentro do normal que alguén como Jerry Lee tratase de se abrir un mercado nunha Europa onde as bandas xóvenes de éxito baseaban os seus repertorios en versións de Chuck Berry e Bo Diddley. Ao longo dos primeiros sesenta, Lewis visitou Gran Bretaña e alemaña – outro dos seus escasos feudos - en varias ocasións, pero a máis notoria foi a de 1964. Curiosamente, o ano da tan famosa British Ivasion. Se cadra poderíamos consideralo un tímido intento de contraataque das antigas colonias.




Así que para 1964 Jerry Lee Lewis, esquecido no seu país, no ponto máis baixo da súa popularidade, atopábase de xira por Europa. A frustración por unha carreira que non fructificaba, os dramas persoais – a morte dun fillo, afogado na súa piscina en 1962 – non parecían afectar a unha presenza escénica máis volcánica que nunca. Porque sobre o escenario, Jerry Lee sempre xogara nesa pequena liga na que a penas competían el, James Brown, e poucos máis. Pero en aquela primavera de 1964, o seu estado de forma era simplemente estratosférico. Jerry Lee era quen de incendiar calquera local polo que pasase, semellaba posuído por un furor demoníaco. E é que, como ocurría outro dos máis tórridos rockers orixinais, Little Richard, Jerry Lee Lewis estaba plenamente convencido de estar tocando unha música intrinsecamente pecaminosa.
Non estamos aquí no terreo do satanismo pueril e ridículo de bandas de rock posteriores, senón no das crenzas profundas cimentadas no integrismo cristián sureño. O cristianismo do sur, xa sexa branco ou negro, non era nen é en absoluto alleo ao frenesí do rock and roll. O frenesí forma parte integral do culto de moitas igrexas sureñas. Pero ese desenfreno debe ser reservado só para render culto a Deus. Pois sé o éxtase se desvía cara o profano – ou o que é o mesmo, cara ao sexual- entón estase poñendo ao servizo do demo. Como cantaría Bob Dylan moitos anos despois, en plena furia born again:


Well it may be the devil or it may be the Lord / but you're gonna have to serve somebody”


Jerry Lee Lewis - ou Little Richard- estaban convencidos de estar servindo ao amo equivocado. Non había aquí nada de pose, de caricatura à la Led Zeppelin ou Black Sabath. Estamos falando de dous cristianos fervorosos que consideraban que en determinado momento o seu camiño desviárase do straight and narrow. Tiñan que servir a alguén, como dicía Dylan, e con música tan lúbrica como a que eles tocaba, desde logo non servían a deus.




Daqueles concertos dos “anos escuros” da primeira metade dos sesenta quedan por sorte testemuños. Entre eles, a espectacular aparición nun programa especial titulado Don't Knock the Rock, emitido polo canal británico Granada Television. Alí, ademais de Jerry Lee, participaron Gene Vincent, un Little Richard asombrosamente transformado - recén reaparecido tras o seu retiro de 1957, precisamente por unha crise relixiosa -, unha impresionantes Shirelles e The Animals. Este programa de unha hora está disponible integramente en Youtube, e diría que velo e case imprescindible para calquera aficionado ao rock and roll.


E por suposto non podemos esquecer ese directo de directos, a nai de todos os live albums, esa explosión nuclear de cuarenta minutos que é o Live at the Star Club, Hamburg, gravado o 5 de abril de 1964 no famoso clube do ínclito bairro de St. Pauli onde, só un par de anos antes, uns daquela descoñecidos Beatles completaran a súa transformación de rockers con tupé a futuras estrelas pop e inventores do Mersey Beat.



En fin, gostaríanos contar que aqueles concertos por Europa fóron un ponto de inflexión na súa carreira, unha volta trunfal ao estrelato. Nada máis lonxe da realidade. En realidade, a trascendencia daquela xira foi mínima no seu día. Jerry Lee tería que esperar aínda varios anos, ata finais dos sesenta, xa reconvertido full time en cantante country, para facer as paces por fin coas listas de éxitos. Por certo, Jerry Lee e Myra Gale divorciáronse en 1970.





Primeira actuación de Jerry Lee Lewis en televisión, sembrando o caos no Steve Allen Show, en 1957:




Don't Knock the Rock 1964 (Granada TV)



Ningún comentario:

Publicar un comentario