venres, 16 de maio de 2014

Chicha!








A cumbia peruana, cumbia tropical, chicha, cumbia psicodélica, ou como se lle queira chamar, é un pozo sen fondo de marabillas musicais. Trátase dun xénero de vocación ecléctica, no que se misturan sen prexuízos ritmos afrocolombianos como a cumbia coas guitarras eléctricas e os órganos farfisa característicos das bandas instrumentais e surf dos sesenta; a experimentación sonora da psicodelia coas as melodías amazónicas. Este estilo sen nome definido nin fronteiras claras desenvolveuse ao longo dos sesenta e setenta como banda sonora das clases populares peruanas, alleo ao prestixio cultural de outros estilos propios do continente sudamericano como a canción de autor. Tampouco gozou a cumbia peruana do soporte intelectual que si amparou a outro movemento pop contemporáneo, e en certo sentido musicalmente paralelo, como foi a Tropicália brasileira.

Como chega unha música periférica carente de prestixio cultural ou capital simbólico algún a se converter recentemente nun estilo hip en Estados Unidos, e por contaxio en Europa? O responsable case en solitario parece ter sido o francés residente en Brooklyn Oliver Conan, que en 2007 publicou no seu propio selo Barbés Records o recopilatorio The Roots of Chicha – seguido por un segundo volume en 2010 – no que daba a coñecer a un público basicamente alleo á mesma existencia do xénero a algúns dos nomes máis importantes deste pop autóctono de Perú. Para máis inri, Conan lidera ademais a súa propia banda de cumbia peruana baseada en Brooklyn, Chicha Libre.





A raíz do éxito dos dous volumes de The Roots of Chicha, outros selos adicados a desempoar estilos populares das periferias culturais, como o español Vampisoul (Munster) ou o británico Strut apuntáronse felizmente ao carro, para ledicia do crecente número de aficionados ao xénero.

Convén realizar unha matización. Estes selos, así como outros metidos en faenas similares - penso agora mesmo en Analog Africa ou Soundway – tratan cando menos de se apartar do antipático paternalismo que en moitas ocasións se intúe niso que se chama World Music. Non se trata aquí de tomar estilos do “terceiro mundo”, descontextualizalos e acomodalos ao gosto e os preconceptos ideolóxicos do consumidor do primeiro mundo. O que escoitamos aquí non é folclore nin “músicas do mundo” - signifique iso o que signifique- , senón simplemente pop. O obxectivo e presentar ao ouvinte, na medida do posible intacta e no seu esplendor, unha música producida, gravada e editada por artistas e selos discográficos locais e destinada basicamente ao público local, e presentala enmarcada no contexto social e histórico no que foi producida, sen falsos exotismos. É obvio que o noso xeito de achegarnos a esta música nunca será o mesmo que o do seu “publico natural”, pero o mesmo ocorre con calquera outro estilo, sexa blues, gospel, country, rockabilly...


Los Ilusionistas



Unha das bandas máis famosas da cumbia peruana foron Los Ilusionistas, liderados por Walter León. Colegiala acabaría converténdose nun dos temas máis famosos deste estilo, con moitas versións de diferente calidade – algunhas delas terribles, por certo, e só hai que darse unha volta por internet. Lembro unha particularmente horrible que gozou de bastante popularidade en España nalgún momento dos oitenta. Pero aquí presentamos a fantástica versión orixinal, publicada, se non me equivoco, para Infopesa en 1979.