xoves, 19 de decembro de 2013

Norman Whitfield





Durante os últimos sesenta, xa non era fácil para Tamla Motown sobrevivir no negocio musical baixo o seu famoso lema, “o son da xoven América”. Berry Gordy Jr. Levantara o seu imperio musical en torno a un utópico concepto de entretemento interracial: adolescentes brancos e negros unidos polas mesmas gañas de ser divertir e pola paixón pola mesma música. Motown foi o primeiro selo discográfico en facturar éxito tras éxito de artistas negros entre o público branco. Non inventaron, desde logo, o crossover, pero si o converteron nun modelo sistemático de negocio.

Pero a finais dos sesenta a “xoven América” xa non era o que fora. Os asasinatos políticos que se sucederon ao longo da década, sumados á sistemática destrución dos Downtowns negros mediante plans de “renovación urbanística”, o deterioro xeral das condicións de vida nos bairros negros e a impaciencia e frustración ante o que se percibía como insuficiente avance da loita polos dereitos civís, tiveron como consecuencia o aumento da tensión racial até límites difíciles de controlar. Cos disturbios raciais agromando por todo o pais, e con un dos máis graves precisamente ás portas da casa, en Detroit en 1967, Motown só podía facer dúas cousas: adaptarse aos tempos ou converterse prematuramente nunha reliquia do pasado, un símbolo da inocencia perdida.




Alguén tan intelixente e con tanta visión comercial como Berry Gordy, obviamente, só podía escoller a primeira opción: a realidade do ghetto comezou a asomar aquí e alá nos temas dos seus artistas. Co cambio de década, Motown apuntábase á conciencia racial. Non é casualidade que un dos cumios do “soul comprometido” fose publicado por eles: o álbum conceptual de Marvin Gaye What's Goin' On (1971).

Pero para estar en sintonía co Zeigeist da época non bastaba con un introducir certos cambios nos contidos das cancións. O son debía transformarse tamén. As cancións tiñan que soar diferente. O artífice desta transformación sería Norman Whitfield.

Whitfield (Harlem, N.Y. 1940), que levaba desde principios da década traballando para Gordy como compositor e productor, sería o encargado do aggiornamento do son de Motown. Soubo ver que bandas como Sly and The Family Stone ou Funkadelic, que representaban a fusion do soul e o funk con rock psicodélico, eran as que marcaban o camiño a seguir. Nas súas producións en principio para os Temptations, Whitfield sumou ao cada vez maior contido social das letras novas técnicas de estudo como as guitarras distorsionadas (por exemplo, efectos wah wah) e as gravacións multipista, imaxinativos arranxos para a parte vocal, ou teclados e baixos funky que enriquecían os sofisticados e efectivos arranxos de cordas e ventos característicos da era dourada do selo. 

Canto ás composicións, en xeral eran propias, en moitos casos en colaboración con Barrett Strong - o autor do primeiro gran éxito de Motown, Money (That's What I want). Un recurso característico era explotar o formato LP incluíndo cortes de duración moito maior que a característica do formato single. As exploracións psicodélicas tamén chegaban ao soul.

Temptations, The Undisputed Truth ou Edwin Starr convertéronse na cara visible do “psychedelic soul”. Temas como War ou Cloud Nine levaron o novo son á parte alta das listas de Billboard. Para principios dos setenta, un LP coa etiqueta “produced by Norman Whitfield” era sinónimo de hip. Whitfield foi quen de facer a Motown outra vez relevante entre o público negro, grazas a un son máis duro e denso, e tamén máis funky, máis próximo ao sentir da rúa. Soul turbulento para tempos turbulentos.




En 1973 Whitfield deixou Motown, parece que por diferencias artísticas cuns pesos pesados do selo como eran os Temptations. En 1975 fundaría Whitfield Records, que gravou, entre outros, aos seus protexidos, The Undisputed Truth.

Norman Whitfield morreu en 2008.












sábado, 14 de decembro de 2013

Experience and Judgement (1974)



En 1974 o vocalista de Jazz Andy Bey (Newark, N.J. 1939) gravou para Atlantic o que sería o primeiro disco baixo o seu nome, Experience and Judgment. Colaborador de nomes grandes como Gary Bartz, Max Roach, Horace Silver ou McCoy Tyner, Bey xa gravara previamente un par de albumes de Jazz con influencias Soul e R&B nos anos 60 baixo o nome de Andy and the Bey Sisters, acompañado das súas irmás Salome e Geraldine Bey.

Experience and Judgement fundaméntase nun concepto totalmente diferente. Trátase dun album moito máis aventurado e persoal, enraizado nun sorprendente estilo a cabalo entre un Jazz máis espiritual e o Deep Funk. O son do disco, no que predominan os medios tempos, depende en boa medida da produción de William S. Fischer, que ademais compón case a metade dos temas e se encarga de todo tipo de teclados – piano eléctrico, órgano, sintetizadores, ... -  ao xeito de Brian Jackson nos álbumes de Gil Scott-Heron. Experience and Judgement semella precisamente, en moitos dos seus cortes, unha versión Space Funk do que contemporáneos como Stevie Wonder, Bill Withers ou o propio Heron podían estar facendo na época.

É se cadra a parte lírica o que peor resiste o paso do tempo: misticismo, meditación, filosofía oriental, etc. Todo moi 1974. Pero é o amplo rexistro vocal de Bey, que ademais toca o piano acústico en algún dos temas, así como a súa asombrosa técnica vocal á hora de integrar as letras nas complexidades rítmicas dos temas, sumados á produción profunda, muscular e rica en texturas de Fischer, os que fan de Experience and Judgement un disco transcendente.

Descubro con asombro que Andy Bey non volveu gravar até os anos noventa. En 1991, Bey retomou a súa carreira discográfica, esta vez orientada cara a interpretación de estándars e un Jazz máis clásico, o que convirte a Experience and Judgement nunha auténtica rareza na súa discografía.

O disco interesará a fans do Rare Groove e o Jazz-Funk, e imaxino que non aos puristas do Jazz.




luns, 9 de decembro de 2013

James Sallis e a novela negra


A serie de seis novelas escritas polo autor de Arkansas James Sallis adicadas ao novelista, profesor universitario e detective a tempo parcial Lew Griffin non poden considerarse novelas negras ao uso. De feito, é dubidoso que deban ser situadas baixo tal etiqueta en absoluto. Evidentemente, hai elementos que podemos considerar clásicos do xénero negro: a personaxe de Griffin responde en parte a varios dos lugares comúns do Noir – alcoholismo, melancolía, cinismo, carácter auto-destrutivo,... e Sallis, seguindo a tradición dos máis significativos autores do xénero, utiliza o marco da acción para retratar a sociedade da que as personaxes son produto.  Pero moitas das características máis identificables da serie parecen alonxala das convencións da "novela de detectives".

É tentador buscar paralelismos entre o ciclo de Lew Giffin e a longa serie de novelas protagonizadas por outro novelista sureño, James Lee Burke. Isto e así porque a omnipresencia de  Louisiana e a súa particular cultura, produto do cruce entre o protestantismo anglosaxón sureño e a cultura católica cajun/creole que a diferencia do resto do sul, outorga a ambas series unha particular distinción. Kenneth Van Dover, en Isn't Justice Always Unfair?: The Detective in Southern Literature, refírese a Lousiana dicindo que “que sendo moi sureña, é a rexión máis “peculiar” dentro do sul”.

Sallis sitúa as súas novelas en Nova Orleans, mentres a acción nas novelas de Burke desplázase cara ao oeste, ao mundo máis rural da Louisiana cajun. Pero en ambos casos a difícil e violenta historia do Sul proxecta a súa sombra personaxes e situacións. Unha curiosidade: o protagonista das novelas que Griffin escrebe na ficción é un cajun, igual que o protagonista de Burke, o axudante do Sheriff de New Iberia e ex-policía de Nova Orleans Dave Robicheaux.

De todos modos, entre ambas series tamén hai diferencias notables: a obra de Burke responde a parámetros máis tradicionais do xénero canto a estrutura e desenvolvemento da acción. Ademais, Robicheaux, o heroi de Burke, correspóndese de xeito máis evidente ao arquetipo do detective hard Boiled - violento, moralmente ambiguo, disposto a saltarse calquera norma para acadar os seus obxectivos - a diferencia do, como diría Van Dover, “existencialmente pasivo” Griffin (se ben é certo que esta pasividade vese de tarde en tarde puntuada por contados arrebatos de violencia extrema, nomeadamente na primeira cena da primeira novela). Outra importante diferencia entre ambos autores reside no diferente papel que un e outro atribúen ao conflito racial - ineludible nunha novela ambientada en Louisiana. Mentres en Sallis este ocupa un papel central, até o ponto de que case poderíamos considerar o ciclo de novelas, cando menos en parte, como unha crónica da tormentosa evolución das relacións raciais no sul ao longo das décadas, en Burke tende a aparecer de xeito máis sutil, como un decorado de fondo, menos explícito.

Que características definen á serie de Griffin?


Ausencia de argumento clásico

As novelas de Sallis carecen dun “caso central" ao redor do cal xira o argumento. De feito, Griffin salta de caso en caso mesmo dentro de cada unha das novelas. Estes son a penas anecdóticos para evolución da trama, non así, obviamente, para a evolución -ou mellor habería que dicir para a explicación – de Griffin como personaxe. Por outra parte, as resolucións, cando chegan, parecen facelo por mera casualidade, e non polas habilidades de Griffin como detective. A actividade investigadora de Griffin é, no mellor dos casos, marxinal. Como di Mark Thwaite en crimetime.co.uk esta ausencia dun desenvolvimento da acción propio da novela negra “ilústrase claramente en The Eye of a Cricket, na que Lew, en un caso máis de persoa desaparecida, fica na súa supostamente descoñecida casa, pola cal van pasando unha seria de visitantes, cos que comparte café e demais, mentres a narración avanza placidamente. Basicamente o que temos é a Lew/Sallis divagando sobre a vida e o amor”.


Organización temporal

A serie de seis novelas non segue unha orde cronolóxica. A acción salta adiante e atrás ao longo da vida de Griffin. A primeira novela da saga, The Long-legged Fly, relata catro casos distintos en catro momentos diferentes da vida de Griffin. As seguintes novelas alternan casos ambientados no presente con outros situados no pasado de Griffin, en momentos clave da súa vida, nos que o coñecemos como xoven detective nos anos sesenta, en plena efervescencia da loita polos dereitos civís, ou como profesor de universidade e relativamente popular escritor de novela negra máis adiante na súa vida. Somos así testemuñas dos seus constantes problemas co alcohol, as súas difíciles relacións familiares ou os seus distintos fracasos amorosos.


A memoria

Sallis usa a peculiar estrutura temporal da serie para reflexionar sobre a memoria, xa sexa individual ou histórica, o papel que esta desempeña na construción da identidade persoal, racial ou nacional, a permanente reconstrución do pasado, presentado como algo fluído, en lugar de fechado, permanentemente reelaborado no recordo. O mundo arredor de de Griffin parece en perpetuo estado de - aparente? - cambio. Só certas personaxes, como a súa amiga/amante LaVerne, personaxe recorrente dun ou outro xeito en toda a serie, ou a constante presencia dunha Nova Orleans que trascende o seu carácter de marco, semellan aportar algún tipo de continuidade na vida de Griffin.


A raza

"I didn't elect to write a novel from an African-American's viewpoint. I began writing, as I always do, from a single image, a sense of a character, trying to draw this shadowy person out. I was many pages into The Long-Legged Fly before I realised that Lew was African-American. So I went back and started over”.

O feito de que Lew Griffin sexa negro é un factor determinante na súa existencia e evolución como personaxe. Nacido e criado no mundo segregado de Jim Crow, a serie segue os seus pasos como espectador e participante dun mundo en transformación: a loita polos dereitos civís e os estertores da segregación legal a mediados dos sesenta, os enfrontamentos raciais, o nacemento do radicalismo negro e a resistencia branca a perder os seus privilexios, a superviviencia do resentimento e a desconfianza entre razas nas décadas seguintes, até os aparentes novos tempos do New South de finais dos noventa (a última novela da serie, Ghost of a Flea, publicouse en 2001). Sallis parece perguntarse ata que ponto estes cambios non son máis superficiais que profundos.


O Blues

James Sallis e músico, e a música, en especial o Blues, constitúe un tema recorrente na serie. Máis aló da presencia constante do Blues, o Jazz ou a música clásica na vida das personaxes, o ethos dos Blues ofrece un perfecto marco emocional para a construción dun personaxe como Griffin: a busca constante e infrutuosa de algo indeterminado, a permanente frustración ante o mundo que o rodea, a visión entre melancólica e irónica sobre a realidade, o sentimento auto-destrutivo que permanentemente parece pender sobre el.


Metaliteratura

Griffin é, ademais de detective, escritor de novelas de misterio. Por momentos parecería que Sallis intenta introducir elementos de ambigüidade entre os acontecementos que pertencen á vida real de Griffin e a ficción das súas propias novelas.
A serie está ademais, plagada de referencias e citas a outros escritores. Autores como Borges, Camus, Thomas Bernhard, Robbe-Grillet ou, en especial Chester Himes aparecen constantemente citados. As referencias a Himes son constantes ao longo de toda a obra, e mesmo chega a facer unha aparición como “secundario” en Black Hornet, impartindo unha conferencia á que Griffin acode como espectador.



As novelas

- The Long-Legged Fly ( 1992)

- Moth (1993)

- Black Hornet (1994)

- Eye of the Cricket (1997)

- Bluebottle (1999)

- Ghost of a Flea (2001)


As tres primeiras, que eu saiba, están publicadas en RBA Serie negra, baixo os títulos de :

El Tejedor, Mariposa en la noche e El avispón negro.