Early Young Kinks
Os xóvenes kinks |
No verán de 1964 os
kinks pasaron, case sen transición algunha, de ser uns ninguén a se
converter na banda máis quente do Reino Unido, todo por obra e graza
“do riff” por exelencia da historia do rock and roll. Un tema
composto ao piano(!!) por Ray Davies pero transformado en icónico
pola guitarra distorsionada do seu irmán pequeno Dave. You Really
Got Me levou ao número un
instantáneo
á
que até entón non eran senón
unha banda de segunda
do norte de Londres,
con dous singles fracasados como único
bagaxe.
A
partir do gran éxito de You Really Got Me,
os Kinks veríanse sometidos
pola súa discográfica, Pye Records, ao
que baixo calquera criterio podería considerarse un severo caso de
explotación laboral. Eran imponderables dunha época na que a música
pop era
un negocio moi lucrativo. Un bombazo como aquel había que
aproveitalo. O grupo podía ser flor de un día, así que había que
exprimilo mentres aínda era rendible. O resultado: durante os quince
meses seguintes, os Kinks publicaron outros seis singles – entre
eles, outro número un, un número dous e outros tres top dez –
tres álbumes e dous epés de catro cancións! Non hai nen que dicir
que visto desde
patróns actuais, tempos nos
que mesmo as figuras de máis éxito publican
un cd cada dous ou tres anos -isto é unha loucura. Pero tamén é a
proba evidente da
trascendencia cultural e a vitalidade comercial das que gozaba
a mediados dos sesenta
a música pop. Calquera
parecido coa situación actual é mera coincidencia.
ensaiando na tele. |
A
influencia deste terceiro single dos Kinks foi especialmente
descomunal en Estados Unidos. You Really Got Me,
coa súa agresiva e
contaxiosa espontaneidade,
converteuse no patrón de referencia para os
centos e centos de bandas
adolescentes da américa suburbana que criaron iso
que co tempo
sería chamado
sixties punk. De
todos xeitos, os Kinks non puderon sacar o mesmo partido que outras
bandas británicas daquilo que se deu en chamar a british
invasion. En 1965, tras unha
xira por Estados Unidos, a Federación Americana de Músicos denegou
o permiso á banda para volver a actuar no país, por razóns nunca
aclaradas. Probablemente os caóticos concertos da banda, incluídas
as frecuentes pelexas sobre as táboas dos irmáns Davies, tiveron
algo que ver. O veto americano mantívose por catro anos.
Botando
a vista atrás, e ao contrario que contemporáneos como Beatles ou
Rolling Stones, os Kinks daban
a sensación de sentirse un pouco peixes fóra da auga ante
o seu propio éxito. O seu son nesta primeira época, unha sorte de
beat-r&b destartalado, da a sensación de ser bastante
máis amateur que o dos nomes
antes mencionados.
Entre outras cousas porque a
súa pericia
intrumental deixaba bastante que desexar. Nas
súas primeiras intervencións televisivas aparecen como unha banda
entusiasta e ruidosa, pero sen a comodidade escénica dos Beatles ou
a estudiada perigosidade dos Rolling Stones. Os Kinks segue parecendo
catro rapaces que non acabasen de crer o que lles está a pasar.
live kinks |
A
súa evolución posterior
como banda tamén foi
considerablemente idiosincrásica. Pronto foi evidente que os Kinks
non eran un fenómeno pasaxeiro. Ao contrario, o punk-r&b dos
seus inicios foi deixando paso a un pop costumbrista moito
máis persoal, a medio camiño
entre a ironía
e a nostalxia no seu perspicaz
retrato das particularidades
daquela
clase media inglesa á que os irmáns Davies pertencían. Os
Kinks convertéronse en pioneiros na criación dun pop xenuinamente
británico, que non tratase de soar “americano”, e a
diferencia de moitos
dos seus contemporáneos, evitaron
con éxito os excesos
psicodélicos,
os pastiches dylanianos e –
sobre todo e gracias a deus- os
cantos á paz e o amor tan
habituais a finais dos sesenta.
Supoño que axudaba ter ao timón a Ray Davies, o mellor compositor
pop da súa época.
De todos modos, hoxe
imos rescatar un tema de cando os Kinks non eran ninguén,
concretamente a cara A do seu segundo single. You Still Want Me /
You Do Something To Me publicouse
na primavera de 1964 e foi un fracaso comercial, nen sequera entrou
en listas, pero escoitada hoxe, este tema segue a ser unha excelente
mostra do son dos primeiros Kinks.
Ningún comentario:
Publicar un comentario