martes, 14 de abril de 2015


Early Young Kinks




Os xóvenes kinks





No verán de 1964 os kinks pasaron, case sen transición algunha, de ser uns ninguén a se converter na banda máis quente do Reino Unido, todo por obra e graza “do riff” por exelencia da historia do rock and roll. Un tema composto ao piano(!!) por Ray Davies pero transformado en icónico pola guitarra distorsionada do seu irmán pequeno Dave. You Really Got Me levou ao número un instantáneo á que até entón non eran senón unha banda de segunda do norte de Londres, con dous singles fracasados como único bagaxe.

A partir do gran éxito de You Really Got Me, os Kinks veríanse sometidos pola súa discográfica, Pye Records, ao que baixo calquera criterio podería considerarse un severo caso de explotación laboral. Eran imponderables dunha época na que a música pop era un negocio moi lucrativo. Un bombazo como aquel había que aproveitalo. O grupo podía ser flor de un día, así que había que exprimilo mentres aínda era rendible. O resultado: durante os quince meses seguintes, os Kinks publicaron outros seis singles – entre eles, outro número un, un número dous e outros tres top dez – tres álbumes e dous epés de catro cancións! Non hai nen que dicir que visto desde patróns actuais, tempos nos que mesmo as figuras de máis éxito publican un cd cada dous ou tres anos -isto é unha loucura. Pero tamén é a proba evidente da trascendencia cultural e a vitalidade comercial das que gozaba a mediados dos sesenta a música pop. Calquera parecido coa situación actual é mera coincidencia.


ensaiando na tele.


A influencia deste terceiro single dos Kinks foi especialmente descomunal en Estados Unidos. You Really Got Me, coa súa agresiva e contaxiosa espontaneidade, converteuse no patrón de referencia para os centos e centos de bandas adolescentes da américa suburbana que criaron iso que co tempo sería chamado sixties punk. De todos xeitos, os Kinks non puderon sacar o mesmo partido que outras bandas británicas daquilo que se deu en chamar a british invasion. En 1965, tras unha xira por Estados Unidos, a Federación Americana de Músicos denegou o permiso á banda para volver a actuar no país, por razóns nunca aclaradas. Probablemente os caóticos concertos da banda, incluídas as frecuentes pelexas sobre as táboas dos irmáns Davies, tiveron algo que ver. O veto americano mantívose por catro anos.

Botando a vista atrás, e ao contrario que contemporáneos como Beatles ou Rolling Stones, os Kinks daban a sensación de sentirse un pouco peixes fóra da auga ante o seu propio éxito. O seu son nesta primeira época, unha sorte de beat-r&b destartalado, da a sensación de ser bastante máis amateur que o dos nomes antes mencionados. Entre outras cousas porque a súa pericia intrumental deixaba bastante que desexar. Nas súas primeiras intervencións televisivas aparecen como unha banda entusiasta e ruidosa, pero sen a comodidade escénica dos Beatles ou a estudiada perigosidade dos Rolling Stones. Os Kinks segue parecendo catro rapaces que non acabasen de crer o que lles está a pasar.

live kinks


A súa evolución posterior como banda tamén foi considerablemente idiosincrásica. Pronto foi evidente que os Kinks non eran un fenómeno pasaxeiro. Ao contrario, o punk-r&b dos seus inicios foi deixando paso a un pop costumbrista moito máis persoal, a medio camiño entre a ironía e a nostalxia no seu perspicaz retrato das particularidades daquela clase media inglesa á que os irmáns Davies pertencían. Os Kinks convertéronse en pioneiros na criación dun pop xenuinamente británico, que non tratase de soar “americano”, e a diferencia de moitos dos seus contemporáneos, evitaron con éxito os excesos psicodélicos, os pastiches dylanianos e – sobre todo e gracias a deus- os cantos á paz e o amor tan habituais a finais dos sesenta. Supoño que axudaba ter ao timón a Ray Davies, o mellor compositor pop da súa época.

De todos modos, hoxe imos rescatar un tema de cando os Kinks non eran ninguén, concretamente a cara A do seu segundo single. You Still Want Me / You Do Something To Me publicouse na primavera de 1964 e foi un fracaso comercial, nen sequera entrou en listas, pero escoitada hoxe, este tema segue a ser unha excelente mostra do son dos primeiros Kinks.