mércores, 13 de agosto de 2014

I Call Myself the Man






Entre o final dos oitenta e os primeiros noventa, non podía atoparse no seo da música popular nada máis hip que aquel exuberante colectivo de xóvenes bandas neoiorquinas de hip hop denominado Native Tongues. Os nomes máis visibles do colectivo foron Jungle Brothers, A Tribe Called Quest e De La Soul. A receta do éxito,  unha irresistible mistura de brillantez lingüística, afrocentrismo, altas doses de humor e ironía e ritmos Jazz-Funk procedentes dos setenta pero reciclados de xeito innovador.


Native Tongues influiu en moitos grupos ao longo de toda a xeografía americana, pero particularmente brillante resultaría o debut de Souls of Mischief, banda formada por catro Mc's adolescentes de Oakland (California) pertencentes ao colectivo autodenominado Hyeroglyphics. O título do disco, 93'Til Infinity. Convén reparar en que, como o seu título advirte, o disco publicouse nun ano crucial para o hip-hop, como foi 1993. O ano de publicación dese auténtico gamechanger do xénero, o debut de Wu-Tang Clan, Enter The Wu-Tang.




93'Til Infinity recolle por suposto á influencia de Native Tongues, pero tamén a doutros grandes da costa leste, como Gang Starr ou Main Source, para ofrecer como resultado un álbum que combina con facilidade humor descarado con cruas viñetas de violencia urbana, intelixencia e arrogancia xuvenil, ritmos complexos de vocación Jazz e a fluidez dos mellores A Tribe Called Quest. Todo o que un podería esperar dun dos grandes discos da era dourada do hip-hop.