Rockin' in the Backwoods
Parecen existir
dúas teorías para explicar a orixe do rock and roll. Unha,
seguramente a máis extendida, defende que o rock and roll é,
basicamente, rhythm and blues – ou o que é o mesmo, o conxunto da
música popular urbana afroamericana evoluída desde finais dos
cuarenta a partir do blues e do swing – adaptado para facelo
vendible xa non ao público negro adulto -a que poderíamaos
considerar a súa audiencia orixinal -, senón ao público
adolescente de ambas razas – e moi especialmente ao branco. Por
outro lado, existe unha segunda teoría que enfatiza a aportación do
country na evolución do rock and roll, segundo a cal estaríamos
ante un xénero orixinal, diferente do rhythm and blues, en realidade
un híbrido entre rhythm and blues e country.
Seguramente
ambas teorías teñen parte de razón, e de feito son compatibles. O
rock and roll é basicamente rhythm and blues, iso é innegable. A
orixe do rock and roll é fundamentalmente afroamericana. Pero si nos
limitamos a consideralo como unha simple apropiación cultural,
acabamos pasando por alto a íntima relación histórica entre blues
e country, a imbricación indisoluble entre música branca e negra,
que amplamente precede a aparición do rock and roll e que constitúe
a gran riqueza da música popular estadounidense.
O blues forma
parte da mesma raiz da música hillbilly ou, como máis adiante sería
coñecida, country. Os intérpretes brancos de música rural
adaptaron desde o principio o blues aos seus particulares estilos. No
fondo, o country non é senón o produto da fusión entre estilos
brancos e negros, do mesmo xeito que os estilos populares
afroamericanos son á súa vez produto do contacto destes coas
tradicións musicais de orixe europea. A separación entre hillbilly
music
e race music,
como eran
denominadas
até os anos cuarenta -, así como máis adiante entre rhythm and
blues e country, responde fundamentalmente
a criterios de mercadotecnia, de públicos potenciais, de nichos de
venta, máis que a diferencias musicais. Lembremos que mesmo os
nomes, rhythm and blues
e coutry and western,
son simplemente termos comerciais usados pola revista Billboard
para referirse ás listas de ventas de discos, segregadas en función
da raza dos compradores de discos. Trátase de termos catchall
que o único que indicaban orixinalmente era a raza do intérprete e
a raza do público potencial ao que se dirixía.
E son os
subxéneros englobados dentro
do termo xenérico de
“country” máis próximos estilísticamente ao rhythm and blues -
como
western swing ou
hillbilly boogie - os que establecen a liña xenealóxica da
que deriva esa ponla do rock
and roll eminentemente rural, eminentemente branca, e que máis
claramente
representa a aportación dos intérpretes brancos ao xénero,
que é o rockabilly. Non estamos ante un “saqueo”, senón ante un
paso máis na longa tradición de músicos brancos intepretando – e
integrando de xeito natural - música
de orixe negra.
Se para a orixe
do rock and roll como xénero global podemos remontarnos aos anos
cuarenta, a artista negros de rhythm and blues como louis Jordan ou
Wynonie Harris, o rockabilly en cambio como fenómeno cultural
diferenciado ten unha paternidade establecida e unha data clara: a
publicación do primeiro single de Elvis Presley, That's
All Right Mama,
en 1954. Pero isto
non quere dicir que Elvis aparecese da nada. Como dixemos antes, os
temas
máis ou menos próximos ao blues e o rythm and blues sempre formaron
parte do repertorio dos
músicos de country. É iso
que hoxe en día, retrospecivamente, denominamos
boppin' hillbilly.
O que separa a Elvis de outros antecesores é un estilo orixinal de
intrepretar este material e,
sobre todo, a descomunal repercusión da súa irrupción no público
adolescente de ambas razas, empezando
polo sur,
e extendéndose logo
por todo o país.
Jerry Lee en apuros |
A raiz do
fenómeno de Elvis, centos, ou probablemente
miles, de rapaces – na súa maioría sureños, brancos e pobres
como el - lanzáronse á aventura de labrarse unha carreira no
showbusiness
seguindo a mesma fórmula de éxito: música recoñecible como
“negra” interpretada con arrogancia xuvenil
e sensibilidade hillbilly. Algúns, como Johnny Cash, Jerry Lee
Lewis, Carl Perkins, e uns poucos máis, conseguírono. Outros, a
maioría, nunca o lograron, pero deixaron tras de si un corpus de
miles de singles, un
auténtico pozo sen fondo que,
igual que sucedería coa explosión do garage
dez anos despois, aínda hoxe fascina a coleccionistas e aficionados.
E quen eran estes “rockabillys”? non eran senón
os fillos descarriados de
Jim Crow,
do atraso endémico do sur,
do fundamentalismo protestante, dunha segregación que precisamente
por aqueles anos comezaba a amosar síntomas de desgaste, da paranoia
da guerra fría. Figuras
pintorescas na paisaxe social sureña, co seu cabelo demasiado longo
e graxento, peinado en aparatosos tupés, coas súas roupas
chamativas que se asemellaban demasiado ás dos negros.
Inevitablemente o rockabilly foi asociado á delincuencia xuvenil, ao
estravío da moral sexual e, o que resultaba pior aínda no seu tempo
e lugar, á mistura racial.
Resulta tentador
ler o rockabilly - un estilo tenso, ás
veces neurótico, cunha forte carga
de sexualidade a duras penas
contida – en termos de
reflexo dunha sociedade como a sureña sometida enormes tensións
raciais, sexuais – moitas veces misturadas ambas – relixiosas e
económicas. Os artistas de rockabilly parecen
recoller todas esas tensións e trasladalas a unha
actitude e un estilo.
Escoitados hoxe, sesenta
anos despois, os seus
discos non nos
transmiten
ese aire mundano, hip,
que en xeral emanan
dos artistas negros de rhythm and blues. Ao
contrario, os intérpretes
de rockabilly semellan olas a presión a punto de estourar,
e as súas interpretacións,
xa sexan orixinais ou
versións de temas de rhythm
and blues, resultan
convulsas,
obsesivas, un tanto
mórbidas. E sen
embargo non é menos certo
que o frenesí
escénico que fixo famosos a
máis de un artista de rockabilly – Elvis ou Jerry Lee, sen ir máis
lonxe - tampouco resultaba
tan alleo á tradición
sureña, especialmente no que se refire ao culto de certas igrexas
baptistas.
Pero non
esquezamos que sempre resulta perigoso levar demasiado lonxe as
leituras sociais dos fenómenos musicais. É moi doado caer en
interpretacións “a medida”, sospeitosamente axustadas aos nosos
prexuízos e opinións previas.
Johnny Burnette Trio |
Como
ilustración,
un disco que representa
fielmente ese rockabilly
máis a frenetico. Johnny
Burnette and the Rock and Roll Trio gravaron esta versión – en
realidade reinvención - de Train
Kept A-Rollin' – un
tema de 1951 orixinal de Tiny Bradshaw – en Nashville, Tennessee,
en 1956, para a independente Coral Records. En realidade, a versión
máis popular deste tema sería a realizada a mediados da seguinte
década polos Yardbirds, pero aquí temos o produto xenuíno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario