mércores, 4 de marzo de 2015

Let A Woman Through





Os aficionados a certos tipos de música gostan de render culto ás rarezas. Nada máis satisfactorio que descubrir temas redondos do pasado, de artistas completamente descoñecidos, publicados en selos independentes case sempre de ámbito rexional e cuxa repercusión a nivel nacional – non digamos internacional – foi absolutamente nula. Hoxe presentamos un par deses temas raros, neste caso de rhythm and blues vocal feminino, que na súa época pasaron sen pena nen gloria.

A pesar do nome da banda e da imaxe de adolescentes vestidas de domingo con que aparecen na foto, Bobbie Smith and The Dream Girls soan en “Crying In The night” como tough girls do ghetto. Este tema foi a cara b dun single publicado en 1959 para o pequeno selo Metro de Detroit. O que escoitamos semella unha versión “barriobajera” do son da xoven américa de Motown, r&b tosco que se transformaba inevitablemente en soul de primeira hora, de acordo ao evanxeo segundo Ray Charles, claramente orientado ás pistas de baile.




Máis ignotas resultan aínda Morine and The Zercons, unha banda que gravou cando menos un 45rpm para o selo Bo-Kay. Existiu, por certo, nos cincuenta un selo independente texano chamado Bo-Kay, orientado ao country, pero parece que en este caso trátase dun Bo-Kay distinto, pois o número de referencia do 45 non se corresponde coa secuencia de lanzamentos do selo texano. O son de Morine and The Zercons en “Let A Woman Through” resulta se cabe máis suxo e sen pulir que o das Dream Girls, unha característica declaración de chulería feminina que representa perfectamente iso que agora se chama greasy rhythm and blues.





Ambos temas poden atoparse en sendos discos do selo alemán Crypt Records: “Crying In The Night” aparece no volume 10 da magnífica colección adicada ao máis escuro e graxento do rhythm and blues e o early soul dos primeiros 60, titulada Jerk, Boom, Bam (publicada só en LP). “Let A Woman Through” aparece, xunto coa súa correspondente cara b, no LP recopilatorio Talkin' Trash, que recolle estilos similares, se cadra cun toque máis novelty.













Publicacións orixinais:
I’m In Love With You / Crying In The Night (1959 para o selo Metro de Detroit).
Let A Woman Through / Show Me Where Is At (Bo-Kay, non sei nen ano nen localización do selo)



Ningún comentario:

Publicar un comentario