Invasión
![]() |
| Os culpables de todo. Os Beatles con Ed Sullivan |
Pode dicirse que os británicos inventaron o rock
tal e como o coñecemos agora. E isto non deixa de ser unha anomalía
cultural, pois para inventalo usaron elementos da música popular americana, branca pero sobre todo negra, que resultaban
estranxeiros para eles: o blues, o rhythm and blues, o rock and roll, o rockabilly.... descontextualizáronos, copiáronos primeiro e
reelaboráronos despois dotándoos dunha estética nova, dun sentido
cultural novo. Tratouse dun asombroso proceso de desenraizamento de
formas musicais ligadas até entón de xeito indisociable a unha
xeografía e unha sociedade determinada, e co que se iniciou o camiño
que convertería o rock nunha sorte de folclore global. O máis
inexplicable do asunto: conseguiron vender o produto aos propios
americanos como se se tratase de algo novo. Transformando así unha
música nacida entre afroamericanos e brancos sureños
pobres nunha linguaxe global que hoxe damos por descontada.
Por que os americanos compraron con tal fervor un
sucedáneo en lugar do orixinal? Supoño que poderían buscarse
moitas respostas, todas en parte acertadas, e todas incompletas. Se
cadra, para o americano medio urbano ou suburbano, o blues ou o
rockabilly eran no fondo músicas exóticas, producidas por negros e
white trash, que remitían a unha realidade allea coa que non
lles resultaba fácil empatizar. Se cadra as bandas británicas deron
ese paso que faltaba para converter esta música en algo co que
calquera podía identificarse, asociándoa aos flequillos e o acento
británico en lugar de a minorías raciais e delincuentes xuvenís.
Pero é evidente que algo cambiou para sempre na evolución da música
popular estadounidense cando en febreiro de 1964 os Beatles chegaron
a EEUU, dando comezo así ao que se denominaría british invasion.
As listas de éxitos americanas, até entón non particularmente
receptivas ás influencias estranxeiras, ficaron colonizadas primeiro
polos Beatles, e pouco máis tarde por todo o resto de bandas británicas que
entraron pola porta que eles abriron.
![]() |
| Ser como os Beatles ou os Stones. A obsesión da américa adolescente. |
E como eran as
listas americanas previas á british invasion?
A historia do rock tende a describir o panorama musical
inmediatamente anterior á british invasion
como un ermo dominado por teen idols
brandos e cantantes melódicos. Segundo esta versión da historia, as
bandas británicas como Beatles ou Rolling Stones chegaron para
redimir aos adolescentes americanos do aburrimento e a inanición cultural, para recobrar o espírito do rock
and roll da década anterior. Témome que hai aquí unha boa dose de
fabulación. Os anos previos á irrupción dos británicos
rexistraron a irrupción nas listas brancas do fenómeno crossover
por excelencia, a Motown; a aparición de xéneros conxunturais pero
moi populares de r'n'r instrumental como o surf ou o hot rod; os
éxitos rexionais, e en algún caso nacionais, das bandas de rock and
roll do noroeste - dificilmente clasificables como melódicas ou brandas – como
os Wailers ou os Kingsmen. Un panorama, e fin, rico e variado que
ademais presentaba, segundo Elijah Wald no seu libro, oportuna e
provocativamente titulado How The Beatles Destroy Rock and
Roll: An Alternative History of American Popular Music,
unha listas de éxitos máis integradas racialmente que nunca antes
nin despois.
Nos últimos cincuenta e primeiros os gostos
musicais de brancos e negros viviron probablemente o seu momento de
menor distanciamento. Entre a explosión do rock and roll en 1956 e a
chegada dos Beatles no 64, nas listas de pop converteuse en habitual
a presencia de artistas negros como Johnny Ace, Lloyd Price, Chuck
Berry, Little Richard ou The Coasters primeiro, e máis tarde das
Marvelettes, Martha and the Vandellas, The Supremes, etc. Os límites
entre “música branca” e “música negra”, se ben nunca
romperon, acadaron un momento de máxima difuminación. O éxito sen
parangón de The Twist en 1960 – na versión de Chubby
Checker, non na orixinal de Hank Ballard – e a auténtica febre de
baile que xerou representa quizais o clima musical destes anos como
ningún outro.
![]() |
| Marvelettes en acción, nº 1 co megahit Please, Mr. Postman en 1961 |
Podemos concluír que un dos efectos máis
evidentes e perdurables da british invasion, foi a “branquificación”
definitiva do rock. Por dicilo clara e simplemente, o “negro”
deixou de ser o paradigma respecto ao cal medirse. Os artistas negros
de blues e rhythm and blues deixaron de ser os modelos nos que se
inspiraban os rockers brancos. As bandas británicas vivían nun
curioso paradoxo: dunha banda, expresaban sen complexos unha
admiración e respecto cara a música afroamericana inéditos até
entón nos Estados Unidos, pero o resultado inevitable da súa
irrupción foi un desprazamento da música que admiraban, que de
súpeto converteuse simplemente nas “raíces” desa nova cultura
xuvenil chamada rock. Os Rolling Stones, os Yardbirds, os Animals
podían permitirse venerar – sinceramente - aos bluesmen
norteamericanos, pero en realidade a súa veneración implicaba que
para eles estes representaban o pasado da música que facían: a
“orixe”, a “raíz”, pero o pasado a fin de contas. O presente
e o futuro pertencíanlles a eles. Música que en moitos casos tiña
menos de dez anos, resultaba de súpeto anticuada. O blues ficaba
convertido en folk, o rock and roll en “oldies”.
O “rock”, ao facerse branco, deixouse polo camiño o “roll”. A partir
de aquí sería unha música feita por brancos e para brancos, cuxa
única relación coa cultura negra residía na súa orixe. Pois se algo
define a transformación do rock and roll en rock e o desprazamento
do paradigma: o negro perde, para a audiencia do rock, a súa
condición de paradigma do hip,
que se traslada deste xeito ao branco (británico). Este proceso non
se produciu obviamente da noite á mañá. Seguiu habendo temas
negros nas listas brancas, pero o seu número foi reducíndose de
xeito consistente ao longo dos anos sesenta.
E os
afroamericanos, á súa vez, tamén deron progresivamente as costas ao rock. Houbo grupos negros de rock? Si, pero sempre foron excepcións, non regra: a parte do inevitable Jimmi Hendrix, se cadra os interraciais Sly and The Family Stone poderían ser considerados o máis parecido a unha "black rock band" trascendente que produciron os sesenta. Pero partir da british invasion
a cultura do rock foi paulatinamente facéndose irrelevante para o
público negro. O novo referente da música negra en realidade
transcendía o mero estilo musical, para se converter nun concepto
cultural, mesmo político, definidor da súa propia identidade como
pobo. A palabra soul volveuse ubicua. O soul transformouse naquilo
indicible que posuía a cultura negra fronte á branca. Ser
recoñecido como un soul brother ou
unha soul sister implicaba
unha mostra de orgullo racial inédita até eses anos.
![]() |
| Sly and The Family Stone. Rock ou soul? |
O soul, de todos modos, foi aínda capaz de
producir crossovers: Sam Cooke, Otis Redding, e outros gozaron de
éxitos nas listas brancas. Como durante os anos inmediatamente
anteriores ao asasinato de M. Luther King o soul representou no
imaxinario americano a loita polos dereitos civís, en ese sentido
era unha música que o público branco tamén podía abrazar.
Curiosamente, dous dos selos clave do soul sureño, Stax e Fame, eran
en realidade empresas integradas, nas que brancos e negros
colaboraban sen aparentes barreiras, e que un bo número de clásicos
do soul dos sesenta graváronse con bandas integradas ou mesmo
completamente brancas. Quizais non sexa casualidade que tenda a verse
na tormenta social desatada polo asasinato de King, e nos terribles
disturbios que como consecuencia se produciron por todo o país, como
principio do fin da “era do soul”. Peter Guralnick, en Sweet
Soul Music, por exemplo, relata a crecente hostilidade, mesmo o
perigo físico que a partir do asasinato do doutor King
experimentaron os músicos brancos que traballaban nos estudios de
Stax, situados na zona negra de Memphis. Tras o soul chegou o funk,
unha música xigantescamente popular entre o público negro pero moi
allea ao público branco, na que latexaba un aire desafiante, unha
certa hostilidade ausente no soul. Un estilo incapaz, en fin, de
producir éxitos crossover.
Funk por un lado e o rock polo outro, a finais dos
sesenta as listas de éxitos americanas estaban de novo segregadas
como nunca. A audiencia do rock en xeral iría converténdose en case
homoxeneamente branca. As bandas de rock deixaron na súa maioría de
atender ao que sucedía na cultura urbana negra. O rock separouse do
tronco principal da cultura afroamericana que lle dera orixe, para se
converter en música popular branca. Probablemente aquí reside a
gran transformación que o desembarco británico supuxo na historia
da música popular americana.




Ningún comentario:
Publicar un comentario