martes, 24 de xuño de 2014

Boppin' The Blues


Elvis, Bill e Scotty con Sam Phillips

É difícil atribuirlle ao rock'n'roll unha data concreta de nacemento, pero si pode facerse con ese irmán revoltoso xurdido no sur entre rapaces brancos, case sempre rurais e case sempre pobres, criados co country e o gospel branco pero fascinados polo rhythm and blues, coñecido como rockabilly. O lugar de nacemento foi o 706 de Union Street, en Memphis, e a data, o 6 de xullo de 1954, o día en que Elvis Presley gravou o seu primeiro single para Sun Records, That's Alright, Mama / Blue Moon of Kentucky.

Elvis Presley só editou cinco singles para Sun Records, un total de dez cancións, entre 1954 e 1955. A nosa imaxe actual de Presley está demasiado condicionada polo que sabemos que lle agardaba nun futuro daquela aínda non escrito: o entertainer de Las Vegas, a estrela cinematográfica atrapada en películas mediocres, o grotesco ritual dos seus imitadores... Levamos escoitado demasiado rock como para poder apreciar na súa medida o impacto cultural que supuxeron eses cinco singles, inicialmente entre o público branco sureño, e máis tarde entre todas as razas e en todos os recantos dos Estados Unidos. Pero se por un momento lográsemos abstraernos de todo iso que levamos escoitado, lido e visto, e tentamos ouvir de novo eses dez temas con ouvidos virxes, se cadra poderíamos aínda conectar coa tempestuosa inocencia, a arrogante inxenuidade desas primeiras gravacións.


Incendiando o Louisiana Hayride

Son gravacións primarias, carentes da mínima sofisticación, e enténdase isto isto como a maior das louvanzas. A penas guitarra acústica, guitarra eléctrica e contrabaixo – só máis adiante incorporaría a batería. Aquí non hai overdubs, só a mestría de Sam Phillips á hora de rexistrar o son da banda, de transmitir a súa simplicidade amateur. En realidade, súa era a visión – o inmenso potencial económico, social e cultural que Phillips sabía que existía no concepto de levar ao público xuvenil branco a música negra a través dun cantante branco que a interpretase coa mesma urxencia, sen dulcificala nin domesticala - e Elvis converteuse no instrumento perfecto, un adolescente carente por completo de experiencia previa que parecía encarnar esa visión sen aparente esforzo.

Elvis, Scotty Moore e Bill Black. E aí está todo. A banda vai medrando con cada single, e con cada single dispárase tamén o éxito imparable, en principio só rexional, que se estende como unha epidemia ao longo dese primeiros meses: primeiro cae Memphis, logo todo Tennessee, máis tarde seguirán Texas, Louisiana, Arkansas, Mississippi, ...Un programa de radio, o Louisiana Hayride - o gran rival do venerable Grand Old Opry - radicado en Shreveport, Louisiana, servirá como plataforma desde a que o chaval de Memphis conquistará o sur. Sorprende como o bible belt recibiu con considerable naturalidade a provocativa posta en escena do novo fenómeno. Non sería até o ano seguinte, xa baixo contrato con RCA, e debido á repercusión das súas primeiras aparicións na televisión nacional, cando os medios de comunicación, case sempre do norte, comezarán a campaña que convertería a Elvis en ameaza sexual para as mentes adolescentes. Hai quen especula con que os aparatosos e insinuantes movementos de Elvis sobre o escenario – incriblemente inocentes, se os comparamos coa aberta procacidade escénica dos artistas afroamericanos - non resultaban alleos para un público sureño precisamente acostumado ás máis desinhibidas formas de celebración relixiosa, pero si en cambio resultaban demasiado exóticos e de mal gusto para o público yankee. Unha explicación como outra calquera.


Elvis e B.B. King, 1956

Resulta irresistible a historia do ascenso meteórico deste rapaz nacido no seo da clase baixa branca sureña pero deslumbrado pola música e a forma de vida dos negros de Beale Street, ese Harlem do sur localizado a poucas mazás da súa casa. O outcast do instituto Humes que chamaba a atención entre compañeiros e profesores polo seu pelo absurdamente longo e por vestir con roupa “de negro”. Alguén saído da nada para se converter en ídolo de masas acosado polas fans en a penas ano e pico. Un good old country boy hiperprotexido pola súa nai, que até os dezasete anos nunca pasara unha noite fóra da casa, que non bebía, non fumaba e non maldicía, que xa en pleno estrelato non pasaba un día sen chamar a casa, pero que á vez vivía rodeado de groupies día e noite e non podía saír á rúa sen ser literalmente asaltado por fans dispostas a arrincarlle a roupa a retallos. E que da noite á mañá pasou a se converter no culpable favorito para todos os males sociais que supostamente asolaban o país, desde a delincuencia xuvenil até a (sic) “mistura racial”.

E como non ían resultar impactantes os tumultos que, en pleno 1957, e coa segregación aínda viva, un cantante branco aínda asociado principalmente á música hillbilly causaba entre as adolescentes negras de Beale Street?

Nos anos posteriores ese Elvis Presley culturalmente subversivo ficaría destruído por forzas máis poderosas que el. A traumática morte da súa nai, o servizo militar, a mala xestión da súa carreira, sumados á british invasion e as transformacións que esta provocaría no universo do pop, relegarían a Elvis a un papel secundario, apartado da vangarda da cultura pop. Pero as súas gravacións para Sun Records, así como as primeiras que realizou para RCA, a pesar de compor un corpus relativamente escaso, mantéñense intactas como pedra fundacional do rock'n'roll branco.  



Ningún comentario:

Publicar un comentario