Home Is Were the Hatred Is
Esther Phillips foi
unha cantante precoz. Chamábase en realidade Esther Mae Jones. Naceu
en Galveston (Texas) en 1935, e con só catorce anos xa cantaba coa
orquestra de Johnny Otis, figura de referencia do R'N'B da costa
oeste nos anos posteriores á segunda guerra mundial. Naquela altura
era coñecida como Little Esther. Double Crossin' Blues (Savoy,
1950) foi o primeiro dunha breve serie de éxitos nas listas
negras. Os seus dúos co cantante Mel Walker constitúen un exemplo
típico dese R'N'B elegante que tanto éxito
tiña na época. Son os anos do Nat “King” Cole trio, ou de
Charles Brown. Abundaba, especialmente en Los Angeles, ese tipo de
aproximación ao blues sofisticada e cool, de carácter
eminentemente urbano, afastada da carnalidade downhome que
habitualmente asociamos coa música afroamericana.
Pero os éxitos non
duraron o suficiente como para que Little Esther consolidase a súa
carreira. No que respecta á súa vida privada, as cousas aínda eran
peores. Litixios entre os seus pais pola súa custodia, litixios
contra a discográfica Savoy por impago de royalties... Durante os
cincuenta, Little Esther gravou ademais para Federal e Decca, sen
sorte. Para finais da década, os problemas de drogas, que non a
abandonarían para o resto da súa vida, eran xa evidentes.
En 1962, un comeback
afortunado - xa como
Esther Phillips - cunha versión de Release Me, unha canción
country. Os sesenta trouxeron algúns éxitos moderados e
intermitentes, e en 1972 fichou por Kudu Records. Kudu, especializado
en soul-jazz, era o selo irmán de CTI. CTI, propiedade do produtor
Creed Taylor, gozou dun grande suceso durante os anos setenta, grazas
á súa aposta por un jazz comercial, orientado á fusión, o soul e
o pop. Nomes como Stanley Turrentine, Freddie Hubbard, Deodato ou
George Benson figuraron durante eses anos na nómina de CTI.
Esther Phillips
debutou en Kudu Records co álbum From a Whisper to a Scream
(1972). E abrindo ese álbum figuraba a que seguramente é o seu
cume como intérprete, a versión do tema de Gil Scott-Heron, Home
is Where the Hatred Is.
A
escolla deste tema non é casual. Phillips era adicta á heroína
desde finais dos cincuenta, polo que a canción de Scott-Heron,
escrita desde o punto de vista dun adicto, parecía escrita para ela.
Esther Phillips canta, pois, sobre unha experiencia que coñece de
primeira man. A versión orixinal aparecía no segundo álbum de Gil
Scott-Heron, Pieces of a Man
(1971). Unha e outra transitan camiños similares, os do jazz-funk,
pero mentres a de Scott-Heron basea o seu arranxo nos teclados e a
guitarra eléctrica, Esther Phillips dispón para a súa dunha
orquestra dirixida por Pee Wee Ellis, antigo saxo tenor da banda de
James Brown.
Esther
Phillips foi premiada cunha nominación para os grammy de 1973, na
categoría de mellor interpretación vocal feminina de R'N'B. Perdeu
ante Aretha Franklin, que estaba nominada por Young, Gifted and
Black. A competencia era dura naqueles anos.
Esther
Phillips gravou varios albumes máis para Kudu, e a mediados dos 70
aínda conseguiría outro éxito cunha versión en clave disco-soul
de What a Diff'rence a Day Makes,
un tema que, por certo, xa lle proporcionara á súa vez un grammy a
Dinah Washington, en 1959.
Esther
Phillips morreu en 1984, aos 49 anos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario