xoves, 27 de febreiro de 2014

Vaudeville Blues







O selo británico JSP (John Stedman Productions) é unha referencia indispensable para calquera aficionado ao blues, o Jazz clásico, a old time music, etc. Pola súa serie de caixas de 4 cds xa pasaron case todos os nomes fundamentais da música popular estadounidense da primeira metade do século XX como Charley Patton, Louis Armstrong, Carter Family, Blind Lemon Jefferson, Jelly Roll Morton, Fats Waller, Big Bill Broonzy ou Jimmy Rodgers entre outros, así como outros artistas moito menos coñecidos. E xa fóra do ámbito da musica norteamericana, as series de boxsets adicadas a Django Reinhardt ou á Rembetika son simplemente imprescindibles.


Un caixa recente que resulta particularmente interesante é a titulada Vaudeville Blues (2012). Unha antoloxía de máis de catro horas que recopila blues dos anos vinte e que toma o seu nome da parte do xénero máis urbana e orientada cara o cabaret. Estamos falando, non o esquezamos, do estilo no que o blues se popularizou a partir do fabuloso éxito en 1920 de Crazy Blues, de Mamie Smith, a primeira gravación de “race music” da historia. Crazy Blues inaugurou un período, comprendido entre 1920-1925, no que o recén descuberto mercado musical afroamericano veuse dominado por cantantes femininas acompañadas de piano ou pequenas bandas de jazz, que interpretaban o blues con inflexións vocais máis ou menos próximas ao estilo popular do vaudeville. Este foi a tendencia predominante até a aparición en 1926 de Blind Lemon Jefferson, o primeiro bluesman en gravar con éxito country blues acompañado da súa propia guitarra.


Mamie Smith, a primeira estrela do blues.


O que distingue a Vaudeville Blues de calquera outra antoloxía adicada ao blues dos anos vinte aparece anunciado no subtítulo: Blues Links. Vaudeville Blues and Rural Blues. Porque esta colección, seleccionada e anotada polo historiador do blues Max Haymes, céntrase precisamente na tantas veces obviada conexión entre esas dúas correntes do blues: unha delas - o blues rural - sacralizada e considerada paradigma da pureza e da pervivencia dunha tradición ancestral, e a outra en cambio - a de ese blues feminino cuxo habitat natural eran os teatros de variedades e os tent shows - un tanto desprezada e considerada despectivamente como “pop”. E o que fai tan interesante esta antoloxía é precisamente o feito de facer saltar polos aires estes estereotipos amplamente asumidos. Amosando como ese blues supostamente bastardo está na raíz do estilo de intérpretes como Charley Patton, considerados como a expresión máis pura do blues rural, e á vez recolocando o blues na perspectiva coa que era percibido polo seu público natural durante a súa época de esplendor comercial. Non unha música ancestral e venerable, senón moderna e popular.

Alberta Hunter

Onde esperábamos atopar a relación unidireccional sempre dada por suposto entre estes dous xéneros de blues – isto e, un blues rural “auténtico”, descendente directo da música dos escravos no século XIX, como fonte orixinal de inspiración dese blues popular, urbano, deturpado, das cantantes de cabaret – o que atopamos é unha influencia de ida e volta, un permanente diálogo entre ambas correntes, no que conceptos como “pureza” resultan simplemente inútiles. Vemos como estrofas enteiras de bluesmen como Patton, Robert Johnson ou Blind Willie McTell foron probablemente aprendidas e adaptadas a partir de discos das cantantes populares na época. Como un bo número dos ubicuos floatin' verses teñen con toda seguridade a súa orixe no repertorio do vaudeville. Comprendemos como a tradición do blues foi construída tanto con elementos folklóricos como field hollers ou worksongs, como con préstamos de minstrel songs, music hall, e demais estilos populares. E descubrimos tamén como os seus intérpretes máis “auténticos” non vivían isolados do mundo, senón que eran perfectamente conscientes do entorno cultural do que formaban parte e do mercado que existía para a súa forma de arte, así como dos xeitos máis adecuados para explotalo no seu beneficio.


Pero sobre todo, esta antoloxía serve de recoñecemento ás pioneiras do xénero, como Mamie Smith, Ida Cox, Clara Smith, Ma Rainey, Alberta Hunter, Viola McCoy, e tantas outras menos coñecidas, moitas veces consideradas como a segunda división na historia do Blues, ás que, coa excepción de Bessie Smith, sempre se lles negou un posto nun canon reservado case en exclusiva a homes.





Ningún comentario:

Publicar un comentario