De hepcats e hipsters
![]() |
| hepcats |
Agora
que na linguaxe cotiá aparece constantemente a palabra hipster
- usada a maior parte das veces,
todo sexa dito, sen moito criterio -, convén lembrar a súa orixe e
descubrir a pouca relación que ten co seu uso actual. Que é, en
realidade, un hipster?
No seu artigo de 1957, The White Negro,
Norman Mailer definía ao hipster como
o “existencialista americano”. Segundo el, o hipster
enfrontábase a unha dicotomía terrible: a morte rápida mediante a
destrución atómica ou a morte lenta por conformismo e aburrimento.
A única escapatoria ante tal dicotomía era a aceptación da morte e
o seu divorcio da sociedade para existir nun gran presente, sen
raíces, sen pasado, sen futuro, a busca da “non dita esencia do
hip, a súa psicótica
brillantez”.
Hip ou, na forma máis antiga, hep,
é un concepto intrinsecamente fuxidío. O hip representa
a esencia arcana, mistérica que posúen só os iniciados na
cultura urbana afroamericana. Esta cultura xiraba nos anos 30 e 40 –
momento en que o termo parece popularizarse - en torno ao jazz, a
pequena delincuencia e o consumo de drogas. A ela ía ligada unha
determinada forma de vestir -os zoot suits- de falar -o jive-
e de comportarse, de presentarse ante o mundo, a cool pose. O
cool, concepto igual de
inefable e elusivo que o hip,
podería resumirse como a imperturbabilidade existencial ante o
ambiente hostil de discriminación e violencia no que medraba – e
en moitos casos segue a medrar - un negro da clase baixa urbana,
sublimadas baixo unha aparencia de distanciamento, de permanente
autocontrol, que xa aparece atribuída a escravos en crónicas do
século XIX.
![]() |
| A famosa foto do Minton's. Apoteose do hip. |
O hipster percibe
o mundo, segundo Mailer, de xeito dual, dividido en dúas metades
irreconciliables: o hip
e o square. Non hai
termo medio. O square
é o contrario do hip, representa
todo o rexeitable na sociedade: o conformismo, a clase media, o
aburrimento, o “branco”. O square nunca
pode nin chegar a comprender que é o hip.
O hip está
absolutamente fóra do seu alcance. A fonte do hip,
polo contrario, é o “negro”, o habitante das marxes da
sociedade, o ghetto,... o negro é cool porque,
como di Mailer no seu artigo, vive en constante perigo para non ter
que vivir en constante humildade. Por todo isto o hipster
é para Mailer o novo aventureiro americano, o branco inmerso na
cultura negra, o white negro.
A existencia do white negro non
deixa de ser un fenómeno característico das complexas
relacións raciais nos Estados Unidos. Falamos de xóvenes brancos de
clase media que abandonaban ás formas sociais propias da súa clase
e raza para adoptar a cultura e modo de vida propia dos negros de
clase baixa urbana. Unha sorte de mobilidade social descendente
voluntaria, con paralelismos na bohemia europea das primeiras décadas
do século XX. O hipster vestíase á moda dos músicos de
Jazz, adoptaba a pose cool dos hepcats, e imitaba a
xerga propia do ambiente do jazz, o jive, un código de
expresión inaccesible para os squares.
Renunciaba á comodidade e previsibilidade da vida deseñada para el
desde o berce - o traballo fixo, o matrimonio convencional, a
comodidade material,...- para abrazar con fervor relixioso unha vida
que imaxinaba máis libre e emocionante que a que lle agardaba como
membro dunha clase e raza privilexiada.
![]() |
| Lucindo zoot suit. |
A súa identidade como branco ficaba así borrada.
Ao adoptar a identidade negra, o hipster convértese nun
marxinal por escolla propia. Prodúcese así un curioso paralelismo
inverso entre o hipster e a clase media negra da época. Ambos
aspiraban a se converter en algo que non eran, tomando como modelo
para criar a súa nova identidade unha imaxe distorsionada do seu
modelo.
Porque en realidade, o artigo de Mailer, como
outros retratos similares escritos por contemporáneos como Kerouac a
cerca da suposta “experiencia negra” son un exemplo patente de
racismo inverso, no que os negros non son representados como
individuos, senón como arquetipos. Aparecen estereotipados como
seres primitivos, sexuais, violentos, buscadores do pracer inmediato.
O único que diferencia a Mailer ou Kerouac dun racista “clásico”
é a distinta perspectiva sobre un mesmo prexuízo: eles consideran
digno de admiración o que o racista consideraría desprezable.
Críase así unha visión idealizada da vida dos negros que pouco ou
nada ten que ver coa súa experiencia real.
Segundo Gary T. Marx no seu artigo de 1961 The
White Negro and the Negro White, nesta
“glorificación racial dos negros, independentemente dos seus
atributos individuais, os beats saen á busca dos negros só
por seren negros”. Estamos aquí ante un lugar común na
aproximación dos brancos á cultura e a “experiencia” negra,
segundo a cal os negros son depositarios dunha autenticidade natural.
O negro transfórmase nunha representación do bo salvaxe, do
exótico, do “outro” primitivo que contrarresta o que se supón
son os excesos civilizadores da sociedade branca occidental. O negro
é auténtico, segundo este prexuízo, porque estaría máis próximo
á nosa natureza orixinal. Este estereotipo racista non é,
obviamente, exclusivo das relacións raciais en EE.UU., pero iso é
outro tema.
Un crecente
número de brancos sentíronse atraidos cara este submundo. Ser hip
implicaba renunciar aos a
prioris morais da clase branca, asumir un xeito de pobreza
voluntaria. Adóptase
a “negritude” como marca de marxinalidade. O “negro” como
oposto ao “burgués”. Por suposto, para o hipster,
esta marxinalidade é sempre unha elección, pois como di Leroi Jones
en The Blues People,
basta con que se cambie de roupa e deixe de falar jive,
para inmediatamente ser aceitado de novo pola sociedade mainstream
da que saiu. Para o hepcat
do ghetto isto non é
posible, pois el está condenado de por vida ao seu papel. No seu
caso, ser hip, ser
cool, non é unha
elección estética ou unha forma de rebeldía contra a sociedade,
senón un modo de supervivencia. O hipster
renuncia por desexo propio ás comodidades materiais mentres que, e
aquí a maior das ironías, para o hepcat
do ghetto esas
comodidades materiais representan a súa aspiración principal,
igual que a de calquera burgués branco.
Como lembra Gary T. Marx, a vida dos hepcats
negros “está organizada en torno a modos de comportamento
considerados delituoso na sociedade dominante”, pero este
comportamento busca precisamente acadar obxectivos que os seus
correlatos brancos considerarían mainstream, isto é: éxito
económico e un estándar de vida o máis alto posible. Se os hepcats
negros son pobres non é por vocación. Aínda que tanto hepcats
negros como beats – isto é hipsters -
son cínicos respecto á sociedade no seu conxunto, os
primeiros tratan de manipular esa sociedade e gañarlle no seu xogo
para así medrar economicamente, mentres que o cinismo dos hipsters
esgótase en si mesmo, e só conduce á marxinación.
O hipster como
fenómeno social recoñecible diluíuse durante a década dos sesenta
no marasmo da contracultura, pero iso non quere dicir que
desaparecesen os elementos sociais que deron lugar á súa
existencia. En certo modo, podería considerarse que un certo
espírito do auténtico hipsterismo
sobrevive en torno á cultura do hip hop, que ocupa desde hai tempo o
lugar como fonte fundamental do hip
que en outros momentos ocuparon o blues ou o
jazz. En canto a eses outros hipsters que
todos coñecemos, mellor manter silencio.



Ningún comentario:
Publicar un comentario