Como é ben sabido, o crítico Leonard Feather definiu a Hank Mobley - Eastman (Georgia), 1930 – Nova York, 1986 - como o “campión do peso medio” do saxo tenor. Imaxino que a idea detrás de tal definición era alabar o seu persoal son, a medio camiño entre o saxo duro e declamatorio establecido como estándar do jazz moderno polos fundadores do estilo - Dexter Gordon, Sonny Rollins e John Coltrane - e os sons máis suaves e melifluos dos saxofonistas asociados ao estilo west coast. Pero a verdade é que non parece que a famosa definición lle fixera nengún favor ao bo de Hank. Efectivamente, os críticos coincidían en destacar o son redondo e cálido, a elegancia, clase e bo gusto das súas improvisacións, a abundancia de ideas, etc. Pero algo falta. Non aparecen por nengures os grandes adxectivos, as afirmacións grandilocuentes habituais cando son referidas a Rollins ou a Trane. O problema seguramente é que Mobley nunca abandeirou nengunha revolución, nunca foi un rupturista, nen un vangardista. Polo tanto, durante moitos anos a crítica considerouno, non direi na segunda división, pero si un escalón por debaixo dos considerados grandes do jazz. Un “peso medio”, por así dicilo. Bo músico, pero non á altura dos “pesos pesados”.
A principios dos sesenta Mobley formou parte brevemente do quinteto de Miles Davis. Esa podía ter sido a súa gran ocasión para entrar na élite, pero as cousas non foron ben. Parece que Miles nunca se sentiu cómodo con el na banda. Mobley non posuía o tipo de son, mesmo a visión artística que Davis que buscaba nalguén destinado a sustituir a Coltrane na banda. Escoitando o que nos queda da colaboración entre ambos, por un lado un pode entender que, en efecto, Mobley non era o home. Carecía do estilo cuttin' edge de Trane ou de quen finalmente sería o seu sucesor na banda, Wayne Shorter. É difícil imaxinar ao segundo gran quinteto de Miles Davis levando a súa música aos límites á que a levaron con Mobley ocupando a cadeira de Shorter. Pero á vez asombra que Miles non soubese recoñecer en calquera caso a enorme calidade que albergaba o estilo hip e relaxado do noso protagonista. O mellor exemplo, as gravacións en directo no Blackhawk de San Francisco en abril do 1961.
![]() |
| Hank con Grant Green |
Por sorte, a percepción crítica a respeito de Hank Mobley foi transformándose en anos recentes. Eu creo que as reedicións na colección Rudy Van Gelder de boa parte da infinidade de gravacións – como líder ou como sideman - rexistradas por Mobley para Blue Note durante os cincuenta e os sesenta son a base fundamental da súa reivindicación, pois serviron para redescubrir, tanto ao público como á crítica, o seu valor musical. Supoño que o feito de que o jazz xa non sexa en si mesmo unha música de vangarda, en transformación permanente, senón un xénero establecido, “maduro” - se iso é bo ou malo, cada un que opine – axuda a facer balance retrospectivo e valorar mellor a tipos como Mobley. Quen no seu día foi só un “peso medio”, hoxe é considerado como o arquetipo do saxofonista hard bop, un dos músicos máis infravalorado da historia do jazz.
Este tema abre un dos mellores álbums de Hank Mobley, Workout, gravado para Blue Note en marzo de 1961, con Grant Green, Wynton Kelly, Paul Chambers e Philly Joe Jones.



Ningún comentario:
Publicar un comentario