venres, 19 de setembro de 2014

Young Man Blues






I’m not your hoochie-coochie man/ I’m not the seventh son/ Just another little middle-class white boy/ Out trying to have some fun.”

Mose Allison naceu en Tippo, Mississippi, en 1927. Tippo está no condado de Tallahatchie, situado nesa particular zona do noroeste do estado de Mississippi coñecida como o Delta. Estamos falando dun condado agrícola onde os afroamericanos son hoxe en día perto do sesenta por cento da povoación. Probablemente na época superaban amplamente esta porcentaxe. É, pois, terra de blues. Este condado, concretamente, está ligado á historia do xénero polo famoso Tallahatchie River Blues, publicado en 1930 por Mattie Delanie, unha das poucas mulleres que na época grabaron acompañándose a si mesmas coa guitarra, nese estilo que décadas despois se coñecería como blues rural.

Allison descubriu o blues e o jazz, segundo o seu propio relato, a través da radio, dos bluesmen locais, e da jukebox situada no almacén que posuía o seu pai: Louis Jordan, Fats Waller, pianistas de boogie woogie como Pete Johnson ou Albert Ammons, ... receita habitual de calquera outra jukebox do sul nos anos trinta. Unha influencia clave para se adicar ao jazz parece ter sido ademais Lester Young.


Con Lester Young e compañía


A mediados dos cincuenta Allison trasladouse a Nova York para iniciar a súa carreira como cantante e pianista. Alí debutou como líder para Prestige en 1957. Os seus discos para o selo de Bob Weinstock son en formato trío, piano, contrabaixo e batería, e basicamente instrumentais. Só un par de temas vocais por álbum. Son discos profundamente marcados polo blues do seu estado natal, nos que evidentemente son os temas vocais os que chaman máis a atención, os que diferencian a Mose Allison doutros pianistas contemporáneos de hard bop. Allison non tardou en abandoar Prestige – selo pequeno, a fin de contas - para fichar brevemente por Columbia, e máis tarde por Atlantic, onde pasaría boa parte da súa longa carreira.

Mose Allison encarnou a quintaesencia do hipster neoiorquino dos 50, un músico branco cun son indiscutiblemente enmarcable no que xa se coñecía como soul jazz. En realidade, o primeiro uso da palabra soul para se referir a un xénero musical.




Ademais, en Gran Bretaña Allison adquiriría un carácter icónico entre os mods de primeira hora. O seu estilo, mistura perfecta entre o son downhome mamado no seu estado natal e a elegancia mundana e ultracool do Nat King Cole Trio, sumado ao sofisticado inxenio das súas letras, resultaban obviamente irresistibles para os modernistas orixinais. Avanzados os sesenta, a parroquia rock acolleuno entre os seus. Alguns temas serían versioneados por bandas como The Who (Young Man Blues), The Yardbirds (I'M Not Talkin') ou Blue Cheer (Parchman Farm), inxectando agresividade e confrontación a cancións orixinalmente irónicas e socarronas. Sexamos sinceros, as versións sempre palidecen ante as orixinais de Allison.


Mose Allison na actualidade



Mose Allison continúa en activo, aos seus oitenta e moitos.







Ningún comentario:

Publicar un comentario