A serie de seis novelas escritas polo autor de Arkansas James Sallis adicadas ao novelista, profesor universitario e detective a tempo parcial Lew Griffin non poden considerarse novelas negras ao uso. De feito, é dubidoso que deban ser situadas baixo tal etiqueta en absoluto. Evidentemente, hai elementos que podemos considerar clásicos do xénero negro: a personaxe de Griffin responde en parte a varios dos lugares comúns do Noir – alcoholismo, melancolía, cinismo, carácter auto-destrutivo,... e Sallis, seguindo a tradición dos máis significativos autores do xénero, utiliza o marco da acción para retratar a sociedade da que as personaxes son produto. Pero moitas das características máis identificables da serie parecen alonxala das convencións da "novela de detectives".É tentador buscar paralelismos entre o ciclo de Lew Giffin e a longa serie de novelas protagonizadas por outro novelista sureño, James Lee Burke. Isto e así porque a omnipresencia de Louisiana e a súa particular cultura, produto do cruce entre o protestantismo anglosaxón sureño e a cultura católica cajun/creole que a diferencia do resto do sul, outorga a ambas series unha particular distinción. Kenneth Van Dover, en Isn't Justice Always Unfair?: The Detective in Southern Literature, refírese a Lousiana dicindo que “que sendo moi sureña, é a rexión máis “peculiar” dentro do sul”.
Sallis sitúa as súas novelas en Nova Orleans, mentres a acción nas novelas de Burke desplázase cara ao oeste, ao mundo máis rural da Louisiana cajun. Pero en ambos casos a difícil e violenta historia do Sul proxecta a súa sombra personaxes e situacións. Unha curiosidade: o protagonista das novelas que Griffin escrebe na ficción é un cajun, igual que o protagonista de Burke, o axudante do Sheriff de New Iberia e ex-policía de Nova Orleans Dave Robicheaux.
De todos modos, entre ambas series tamén hai diferencias notables: a obra de Burke responde a parámetros máis tradicionais do xénero canto a estrutura e desenvolvemento da acción. Ademais, Robicheaux, o heroi de Burke, correspóndese de xeito máis evidente ao arquetipo do detective hard Boiled - violento, moralmente ambiguo, disposto a saltarse calquera norma para acadar os seus obxectivos - a diferencia do, como diría Van Dover, “existencialmente pasivo” Griffin (se ben é certo que esta pasividade vese de tarde en tarde puntuada por contados arrebatos de violencia extrema, nomeadamente na primeira cena da primeira novela). Outra importante diferencia entre ambos autores reside no diferente papel que un e outro atribúen ao conflito racial - ineludible nunha novela ambientada en Louisiana. Mentres en Sallis este ocupa un papel central, até o ponto de que case poderíamos considerar o ciclo de novelas, cando menos en parte, como unha crónica da tormentosa evolución das relacións raciais no sul ao longo das décadas, en Burke tende a aparecer de xeito máis sutil, como un decorado de fondo, menos explícito.
Que características definen á serie de Griffin?
Ausencia de argumento clásico
As
novelas de Sallis carecen dun “caso central" ao redor do cal xira o argumento. De feito, Griffin salta de caso en caso mesmo dentro de cada
unha das novelas. Estes son a penas anecdóticos para evolución da
trama, non así, obviamente, para a evolución -ou mellor habería
que dicir para a explicación – de Griffin como personaxe. Por outra parte, as
resolucións, cando chegan, parecen facelo por mera casualidade, e
non polas habilidades de Griffin como detective. A actividade
investigadora de Griffin é, no mellor dos casos, marxinal. Como di
Mark Thwaite en crimetime.co.uk esta ausencia dun desenvolvimento da
acción propio da novela negra “ilústrase claramente en The
Eye of a Cricket, na que Lew, en un caso máis de persoa
desaparecida, fica na súa supostamente descoñecida casa, pola cal
van pasando unha seria de visitantes, cos que comparte café e
demais, mentres a narración avanza placidamente. Basicamente o que
temos é a Lew/Sallis divagando sobre a vida e o amor”.
Organización
temporal
A
serie de seis novelas non segue unha orde cronolóxica. A acción
salta adiante e atrás ao longo da vida de Griffin. A primeira novela
da saga, The Long-legged Fly,
relata catro casos distintos en catro momentos diferentes da vida de
Griffin. As seguintes novelas alternan casos ambientados no presente
con outros situados no pasado de Griffin, en momentos clave da súa
vida, nos que o coñecemos como xoven detective nos anos sesenta, en
plena efervescencia da loita polos dereitos civís, ou como profesor
de universidade e relativamente popular escritor de novela negra máis
adiante na súa vida. Somos así testemuñas dos seus constantes
problemas co alcohol, as súas difíciles relacións familiares ou os
seus distintos fracasos amorosos.
A
memoria
Sallis usa a peculiar estrutura temporal da serie para
reflexionar sobre a memoria, xa sexa individual ou histórica, o
papel que esta desempeña na construción da identidade persoal,
racial ou nacional, a permanente reconstrución do pasado, presentado
como algo fluído, en lugar de fechado, permanentemente reelaborado no recordo. O mundo arredor de de Griffin parece en perpetuo estado de - aparente? - cambio. Só certas personaxes, como a
súa amiga/amante LaVerne, personaxe recorrente dun ou outro xeito en
toda a serie, ou a constante presencia dunha Nova Orleans que trascende o seu carácter de marco, semellan aportar algún tipo de continuidade na vida de
Griffin.
A
raza
"I didn't elect to write a novel from an
African-American's viewpoint. I began writing, as I always do, from a
single image, a sense of a character, trying to draw this shadowy
person out. I was many pages into The Long-Legged Fly before I
realised that Lew was African-American. So I went back and started
over”.
O feito de que Lew
Griffin sexa negro é un factor determinante na súa existencia e evolución como personaxe. Nacido e
criado no mundo segregado de Jim Crow,
a serie segue os seus pasos como espectador e participante dun mundo
en transformación: a loita polos dereitos civís e os estertores da
segregación legal a mediados dos sesenta, os enfrontamentos raciais,
o nacemento do radicalismo negro e a resistencia branca a perder os
seus privilexios, a superviviencia do resentimento e a desconfianza
entre razas nas décadas seguintes, até os aparentes novos tempos do
New South de finais
dos noventa (a última novela da serie, Ghost of a Flea,
publicouse en 2001). Sallis parece perguntarse ata que ponto estes
cambios non son máis superficiais que profundos.
O Blues
James Sallis e músico,
e a música, en especial o Blues,
constitúe un tema recorrente na serie. Máis aló da presencia
constante do Blues, o Jazz ou a música clásica na vida das
personaxes, o ethos
dos Blues ofrece un
perfecto marco emocional para a construción dun personaxe como
Griffin: a busca constante e infrutuosa de algo indeterminado, a
permanente frustración ante o mundo que o rodea, a visión entre
melancólica e irónica sobre a realidade, o sentimento
auto-destrutivo que permanentemente parece pender sobre el.
Metaliteratura
Griffin é, ademais de detective, escritor de novelas de
misterio. Por momentos parecería que Sallis intenta introducir
elementos de ambigüidade entre os acontecementos que pertencen á
vida real de Griffin e a ficción das súas propias novelas.
A
serie está ademais, plagada de referencias e citas a outros
escritores. Autores como Borges, Camus, Thomas Bernhard,
Robbe-Grillet ou, en especial Chester Himes aparecen constantemente
citados. As referencias a Himes son constantes ao longo de toda a obra, e mesmo chega a facer unha aparición como “secundario” en Black
Hornet, impartindo unha conferencia á que Griffin acode como espectador.
As
novelas
-
The Long-Legged Fly (
1992)
- Moth
(1993)
- Black
Hornet (1994)
- Eye of
the Cricket (1997)
- Bluebottle
(1999)
- Ghost
of a Flea (2001)
As
tres primeiras, que eu saiba, están publicadas en RBA Serie negra,
baixo os títulos de :
El
Tejedor, Mariposa
en la noche e El
avispón negro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario